PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez (En Marea) pide no Parlamento galego a integración dos axentes medioambientais no 112

Presentaba unha proposición non de lei no pleno que se desenvolvía hoxe na Cámara galega
O deputado de En Marea no Parlamento galego, Davide Rodríguez.

Na sesión plenaria do 18 de outubro do Parlamento de Galicia o deputado ourensán de En Marea, Davide Rodríguez, plantexaba a necesidade de “restituír as competencias e funcións do corpo de Axentes Medioambientais, dependentes da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e da Consellería de Medio Rural”.

Rodríguez recordaba que os Axentes Medioambientais ou Axentes Forestais “son funcionarios e funcionarias que ostentan a condición de axentes da autoridade pertencente á Administración Pública galega e que, dacordo coa súa propia normativa ten encomendadas, entre outras funcións, as de vixilancia, policía e custodia dos bens xurídicos que conforman o patrimonio natural, e a de policía xudicial en sentido xenérico tal como establece o apartado 6 do artigo 283 da Lei de Axuizamento Criminal, actuando de forma auxiliar dos xuíces, tribunais e do Ministerio Fiscal”.

“Eles son un dos piares máis importantes do servizo para evitar que ocorra o que pasou esta pasada fin de semana”, aseguraba Davide Rodríguez, quen cuestionou o recorte de funcións por parte da Xunta. “Quéixanse da falta absoluta de directrices dirixidas ao colectivo e a inexistencia de coordinadores-enlaces entre as Direccións Xerais e os Distritos e Xefaturas de Conservación da Natureza que “encaucen”, supervisen e dirixan as directrices en cuestión, e que a súa vez, doten ou propoñan aquelas necesidades de formación e medios técnicos para a realización dos distintos traballos encomendados”.

A iniciativa de En Marea, rexeitada cos votos do PP, solicitábase a integración dos axentes medioambientais no servizo do 112 Galicia e habilitar o corpo de axentes dependentes do corpo de Medio Ambiente de medios de defensa persoal para o exercicio das novas tarefas policiais. A maiores Rodríguez defendeu a necesidade de facer unha campaña institucional divulgativa sobre o labor que realizan, “ademais de habilitar un teléfono de atención ao cidadán para denuncias medioambientais. Facer públicas as estatísticas de infraccións e dilixencias xudiciais que realiza o Corpo de Axentes Medioambientais e habilitar un perfil oficial nas redes sociais como teñen outros corpos adscritos a Consellería de Medio Ambiente”.

Artigos relacionados

Back to top button