ConcellosÚltima hora

De adega en adega, en Seadur

Esta localidade de Larouco acollerá o 4 de abril a XIII edición de “As Covas de Seadur”
Unha das covas de Seadur, na pasada edición deste roteiro./ Foto: Carlos G. Hervella.
Unha das covas de Seadur, na pasada edición deste roteiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

O roteiro “As Covas de Seadur” (Larouco) é outro xeito de desfrutar do viño, dende o interior destas antigas adegas e nun ambiente único, que se xera cada Sábado Santo e que atrae a multitude de persoas de Galicia e de fóra da comunidade.

Para descubrilo e desfrutalo tan só hai que achegarse o vindeiro Sábado Santo, 4 de abril, ata Seadur. Unha vintena de adegas abrirán as súas portas nesta 13ª edición a partires das seis da tarde. Ao inicio do percorrido instalarase un posto no que poderán mercarse as entradas. Terán un prezo de 11 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos (de 7 a 12 anos).

Xunto co pase, a modo de selo, os participantes neste roteiro recibirán unha cunca de barro. Con ela poderán entrar e visitar cada unha das covas. No seu interior serviranse viños (brancos e tintos), xunto cun amplo abano de pinchos fríos e quentes (entre os que noutras edicións se incluían os callos ou a fabada), e mesmo doces.

Haberá ademais refrescos e auga. Tampouco faltará a música, da man dunha charanga trivesa e dun grupo de gaiteiros. “Ademais animamos a todos os que sexan músicos a que traian os seus instrumentos porque, unha vez metidos na festa, probablemente os boten de menos”, din dende a organización.

Texto: A.R. Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button