Dende o culto a Dionisos ata a D.O. Monterrei, nunha exposición

Está instalada no claustro dos Mercedarios de Verín e percorre os máis de 2.000 anos da viticultura na comarca de Verín

A mediados do século pasado atopábase nunha viña do lugar de Mourazos (Verín) un conxunto escultórico no que Baco (o Dionisos grego), deus romano do viño, aparece representado nunha escena co seu amigo Ampelos. Esta peza, xunto co altar adicado a Xúpiter por un tamagano romanizado e localizado no castro da Cabanca, son dous referentes arqueolóxicos que evidencian que Monterrei xa era na antigÚidade unha zona produtora de viño.

Ambos constitúen o punto de partida da exposición “Dionisos, 2.000 anos de viño en Monterrei”, que se abría ao público no claustro dos Mercedarios de Verín na tarde do 11 de agosto, pouco despois da inauguración da XII Feira do Viño de Monterrei. Ao acto asistía o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, quen estivo acompañado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, así como pola presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva, entre outras autoridades.

A mostra reúne multitude de obxectos, imaxes e información que permiten ir desgranando cada unha das etapas deste cultivo agrícola na comarca de Verín dende a romanización ata a actualidade. Hoxe a súa produción vitícola está amparada por unha denominación de orixe con 25 adegas e multitude de viños brancos e tintos, que tamén poden verse xunto cun mapa da zona no que se detallan singularidades como a temperatura, pluviometría, solos, relieve ou variedades de uva.

No percorrido pola exposición poden verse carros de transporte de viño do século XVIII, así como numerosos obxectos usados para trasladar esta bebida como pelexos, cantaras ou barricas. Non faltan todo tipo de instrumentos empregados na recollida das uvas e na elaboración do viño, como unha impresionante prensa de trabe en pedra de granito do século XVIII. Todos eles proceden de diferentes lugares da comarca verinense.

Inclúese asemade un apartado centrado nos lagares rupestres desta comarca. É un traballo feito por Luis e Alejandro Paadín co título “Las piedras que hacían vino”.

Esta exposición pola historia do viño en Monterrei ten sido organizada polo Concello de Verín e polo CRDO Monterrei en colaboración cos Padres Mercedarios. O comisariado da mesma e os textos dos paneis corresponden a Luis Congil.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella, agás as dúas do acto de inauguración da mostra, que son do Concello e Verín.

Máis información:
http://www.osil.info/verin-escenario-da-xii-feira-vino-de-monterrei/

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies