Entrevistas

“Dentro de min levo as melodías galegas”

Erwan Quintin, compositor e violinista bretón, descubriu a música tradicional en Cubeiros (Manzaneda), o pobo da súa nai
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Julien Wieser
Foto: Julien Wieser

KafeKoefetcaratuladisco

Galicia e a Bretaña francesa. Dúas rexións e dúas maneiras singulares de entender a música tradicional. Entre elas se move o devir vital e profesional do violinista Erwan Quintin González (París, 1975), de pai bretón e nai ourensá. Curiosamente o seu espertar musical veu da man da música galega.Dende ben cativo chamáronlle a atención as melodías de gaita que escoitaba nas viaxes a Cubeiros (Manzaneda), á aldea materna.

Con 7 anos comezaba a tocar o violín nun conservatorio de música clásica das aforas da capital francesa, pero en 1994, decidía abandonar este instrumento ao marchar a estudar enxeñería electrónica a Bretaña. Foi alá, onde tiña lugar o seu renacer musical.De volta a París, Erwan Quintin poñía en marcha no 2006, xunto a Ciryl Guiguian (guitarra) e Ludovic Rio (acordeón), outro novo proxecto: Kafe Koefet. Comezou sendo un trío cuxo primeiro álbume se editaba no 2010: “Trouz ba´n Davarn”. Despois convertíanse en cuarteto e neste ano 2013 veñen de publicar o seu segundo disco “Lak un’all”. Teñen realizado xiras dentro e fóra de Francia e tamén participaron en certames internacionais como o de Lorient ou o Festival Yaouank de Rennes.

Ao mesmo tempo,mantén multitude de colaboracións con outras formacións como Strollad Goueled Leon de danzas folclóricas (1999-2004, coa que tocou en Ponferrada), Reuz a-Dreuz (entre 2007 e 2009, cun disco co mesmo nome da banda) ou Hopala! dende o 2012 ata a actualidade. E agora mesmo ten entre mans dúas novas propostas como compositor. Unha é “Rod en Amzér”, “de creación contemporánea. Será un dúo (Aurélia Pie e Erwan Quintin) con cancións en varias linguas, entre elas o galego, por suposto”, adianta. A outra é un espectáculo de danza contemporánea.

Un dos grupos nos que máis tempo levas é Kafe Koefet…
Levo tocando nel dende hai seis anos e medio. Ao voltar de Bretaña a París para traballar atopeime co Ludovic (acordeonista) e co Cyril (guitarrista), nunhas foliadas bretonas da capital francesa. Eles tamén chegaban da Bretaña. Tiñamos algo de morriña do país e decidimos montar un grupo para, en principio, tocar nos bailes bretóns de París.

Este ano saía á rúa o voso segundo disco, ¿que o diferencia do primeiro, “Tourz ba’n Davarn”?
Entre os dous discos o grupo enriqueceuse cun músico máis, Thomas, que toca a bombarda (un oboe bretón), o clarinete e o saxofón. O primeiro CD estaba gravado en directo nun dos moitos fest noz de París, xa que un dos nosos propósitos era recoller o seu ambiente. Queríamos que no disco se escoitase música, pero tamén á xente falando no bar, os pasos e os gritos dos bailaríns, etc. Nel participaron amigos músicos e cantareiros de París. En cambio, no segundo disco plantexamos as cousas dun xeito diferente. Fomos á Bretaña, achegándonos a amigos músicos e cantareiros de referencia na tradición bretoa cos que sempre se aprende moito. Tamén queríamos precisar o noso son e decidimos gravar nun estudo cun técnico que coñece á perfección este tipo de música.

Texto: Ángeles Rodríguez
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).
Máis información: kafekoefet.free.fr

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button