OurenseÚltima hora

A Deputación inviste 90.000 euros para subvencionar estancias en balnearios da provincia

Estes cartos tamén serán destinados ao fomento da Cultura Termal e foron aprobados pola Xunta de Goberno
Montserrat Lama.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe, 12 de outubro, as bases reguladoras do concurso para a concesión de axudas para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal na provincia de Ourense correspondentes ao exercicio 2018. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno.

Segundo informou a deputada, o obxecto destas bases é regular a concesión de axudas destinadas ao fomento do ocio saudable nas instalacións balnearias da provincia de Ourense. A concesión das axudas realizarase de forma continua ata esgotar o orzamento previsto, segundo a orde de recepción de solicitudes e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

As bases reguladoras deste concurso recollen dous tipos de programa: o de termalismo saudable e o de cultura termal. No que se refire ao programa de termalismo saudable hai dúas posibles modalidades. A modalidade A con estancias en balnearios que pode ser con ou sen servizos de transporte en tren e a modalidade B refírese a tratamentos terapéuticos sen estancia.

A dispoñibilidade orzamentaria para os programas é de 90.000 euros e a contía das axudas depende do programa escollido, da modalidade, da técnica termal e doutros requisitos, oscilando entre os 5 ata os 70 euros por praza. As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación destas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións, e ata esgotar o orzamento. Ademais, as solicitudes deberán tramitarse telematicamente a través da dirección electrónica: http://termalismo.depourense.es, rexistrándose no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación de Ourense.

Na modalidade A, esta liña subvenciona estancias de seis días de duración (cinco noites), pensión completa, 10 técnicas balnearias, posibilidade de revisión médica dos beneficiarios se o demandan e programa de animación social, mentres que na liña de estancias balnearias mais tren, as axudas ademais de subvencionar o citado anteriormente, os beneficiarios poderán adquirir billetes de tren (ida e volta), desde algunha das estacións termais que participan neste programa e, os balnearios, proporcionan os traslados desde a estación de Ourense ata os balnearios seleccionados e rutas culturais. O custo do billete que será aboado polo beneficiario incluirá a tarifa prevista por Renfe para este programa e o importe en concepto de traslados e rutas culturais será establecido polo balneario para este servizo.

Asemade, no marco deste programa tamén hai a opción de estancias en balnearios con ou sen tren para grupos, sempre e cando cumpran as seguintes condicións: que agrupen ao menos 20 persoas, que a solicitude sexa tramitada por unha entidade adherida ao programa e que o grupo de solicitantes realicen un programa de estancias nun mesmo establecemento e dentro da mesma quenda.

En canto á modalidade B do programa de termalismo saudable referido aos tratamentos terapéuticos sen estancia inclúen, consulta médica á chegada ao balneario e os tratamentos ofertados poden ser: 35 técnicas balnearias repartidas en 15 días, 20 técnicas balnearias en 15 días, 10 técnicas balnearias repartidas en 10 días. Todas elas compútanse a partir desde o primeiro día en que se comezan a recibir as técnicas.

Poderán ser beneficiarios deste programa as persoas con 50 anos de idade, que non padezan enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a convivencia normal nos balnearios e ser persoa válida para as actividades da vida diaria. Como acompañante, poderá ser beneficiarios calquera persoa maior de idade que acompañe á persoa que reúna os requisitos mencionados.

O segundo programa deste concurso é o de cultura termal, isto é, estas axudas financiarán estancias de fin de semana de dous días de duración (unha noite), incluíndo pensión completa, dúas técnicas balnearias para os adultos e, no caso de vir acompañados por menores de 12 anos, estancia para os menores, non poderán ser máis dun neno por programa. Ademais se o beneficiarios vai acompañado dun menor, este non poderá realizar tratamentos balnearios.

Para este programa poderán ser beneficiarios as persoas a partir dos 18 anos, que non padezan enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a convivencia normal nos balnearios e ser persoa válida para as actividades da vida diaria. Tamén poderá ser beneficiario da axuda unha persoa acompañante do solicitante.

Os establecementos balnearios onde se poden realizar as estancias e tratamentos subvencionados son os seguintes: Balneario – Hotel Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño, Balneario Arnoia Caldaria, Balneario Laias Caldaria, Balneario Lobios Caldaria, Balneario de Cortegada e o Balneario de Caldas de Partovia.

Artigos relacionados

Back to top button