ConcellosÚltima hora

A Deputación percibirá un millón de euros de fondos europeos para proxectos con Portugal

O ente provincial investirá 1.497.050 euros neses proxectos e percibirá a meirande parte dos fondos FEDER de cohesión
Manuel Baltar presentou os tres proxectos colaborados co país veciño.// Foto: Carlos Asensio. 

A Deputación de Ourense percibirá un total de 1.122.788, 22 euros de fondos europeos FEDER para tres proxectos enmarcados dentro do programa INTERREG V-A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020 de cooperación transfronteiriza. O obxectivo principal deste programa, dixo o presidente da Deputación hoxe, 25 de maio, na presentación destes tres proxectos, “é traballar na protección e promoción do patrimonio común existente na área fronteiriza”. Estas inversións faranse a través do Inorde.

Por este motivo, a Deputación e o país veciño participan en proxectos de cooperación. En concreto eses proxectos son: A Comunidade Territorial de Cooperación Limia-Lima-Cávado, no que hai un obxectivo de desenvolvemento económico do espazo transfronteirizo e as súas comunicación, en liñas xerais. Neste proxecto o Inorde investirá un total de 206.734,30 euros dos 688.639,30 euros que custa.

O proxecto Gerês_Xurés_Dinamíco, no que teñen como obxectivo xera fortalecer a entidade e identidade propia da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. “Marcar a importancia do lugar tanto para os habitantes da zona como para os xestores”, dixo Baltar. Aquí a Deputación investirá 323.650 euros. Finalmente, o presidente da Deputación falou do proxecto “Raia Termal”, “no que tamén participa a Confederación Hidrográfica Miño Sil”, informou. Este proxecto quere pór en valor o “termalismo interfronteirizo como recurso turístico ambiental singular”. Este plan trata de aproveitar ao máximo eses recursos termais. Aquí a Deputación investirá 966.666,67 euros.

En total, o ente provincial fará un investimento de case un millón e medio de euros “dos que se prevé unha captación financeira de 1.122.788,22 euros de fondos FEDER”, dixo Manuel Baltar, que salientou que a Deputación actúa como “participe necesario”. Que informou que estes plans “xa son unha realidade” posto que xa se levou a cabo o 55% das súas actuacións. Baltar salientou que isto forma parte dos proxectos de “internacionalización” da provincia, entre os que lembrou a colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) co plan “ExportOU”, “do que xa levamos varias misións comerciais e faremos proximamente outra misión americana”, anunciou, así como os recentes acordos asinados en Tel Aviv por parte da Deputación e do Campus da Auga.

Transporte coa raia

Nesta presentación, ao falares da cooperación entre países, xurdiu a dúvida de se a Deputación tiña como obxectivo establecer transportes co país veciño. O presidente do executivo provincial, Manuel Baltar, salientou que “primeiro temos que priorizar do transporte intramuros, sobre todo coa zona de Valdeorras, e logo podemos ver como comunicala coa fronteira”.

Tamén lembrou que dende a Corporación municipal do Carballiño pediron que se comunicase mellor ás cabeceiras comarcais coa capital, e dixo que “xa foi aprobado dentro da modificación de crédito do último Pleno da Deputación” para unha partida importante para a posta en marcha do transporte metropolitano.

Aínda así, Baltar salientou que é unha “reivindicación lexítima” e anunciou que se están a plantexar ese tipo de cuestións.

 

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button