ConcellosÚltima hora

Desestimado o recurso interposto polo PP contra o alcalde do Barco

Anunciábao Alfredo García nunha rolda de prensa convocada na tarde o 6 de marzo
O alcalde do Barco, Alfredo García, dando lectura ao auto no que se desestima o recurso do PP do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O alcalde do Barco, Alfredo García, dando lectura ao auto no que se desestima o recurso do PP do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

En rolda de prensa o alcalde do Barco, Alfredo García, anunciaba que o xuíz vén de desestimar o recurso de reforma interposto polo PP barquense contra o auto dictado anteriormente no que tamén se desestimaba a denuncia presentada contra este rexidor polos sete concelleiros deste partido no municipio.

Rodeado por tres dos edís do seu equipo de goberno, Alfredo García daba lectura ao auto no que, entre outros aspectos, se recolle que no recurso “insístese na presunta prevaricación administrativa polo denunciado, usando como argumento cardinal os reparos suspensivos elaborados polos servizos técnicos municipais, cuxos máximos responsables foron chamados a declarar, expoñendo e argumentando a súa existencia dentro da normalidade administrativa da municipalidade”. O xuíz dispón desestimar o recurso de reforma presentado polos populares e “ratifícase plenamente” no auto de sobreseímento emitido o 21 de xaneiro pasado.

“Levamos tres denuncias con tres respostas claras e taxativas e que non deixan lugar a dúbidas. Están facendo unha utilización da xustiza por motivos evidentemente políticos, pero os veciños do Barco teñen claro o que se persegue con todas estas cousas. Non hai caso, non hai ningún tipo de delito por moito que se siga insistindo”, aseguraba Alfredo García.

No auto tamén se sinala que as partes teñen cinco días “para que formulen alegacións e presenten, no seu caso, os documentos xustificativos das súas peticións”. Ao marxe disto, agora o proceso seguirá na Audiencia Provincial.

Artigos relacionados

Back to top button