CulturaMúsicaÚltima hora

Día Mundial do Acordeón, o 2 de maio na Rúa

Durante o festival terá lugar a presentación do grupo de acordeóns Abertal
Os acordeonistas Xaime Vilas e Manuel Olegario.
Os acordeonistas Xaime Vilas e Manuel Olegario.

Dende que hai sete anos Manuel Olegario comezara a dar clases de acordeón na Escola de Música e Baile Tradicional Abertal da Rúa que dirixe Manolo Durán, o interese da poboación por este instrumento foi en aumento e hoxendía son xa preto de corenta os alumnos cos que conta.

Tal foi a expectación espertada que dende Abertal levaban xa un tempo barallando a posibilidade de organizar un acto específico onde o protagonista fose precisamente o acordeón, e por fin chegou o momento. Coordinado polo propio Manuel Olegario, o vindeiro sábado 2 de maio celebrarase no Centro Cultural Avenida da Rúa, o Día Mundial do Acordeón, un festival que dende hai anos Olegario organizaba en terras pontevedresas e que este ano chega a Valdeorras.

A partires das sete e media da tarde e durante dúas horas, pasarán polo escenario rues máis de 35 acordeonistas, solistas e en grupo, algúns con anos de experiencia como Tarataña ou o dúo formado por Xaime Vilas e Manuel Olegario, e outros que están comezando como o propio grupo de acordeóns de Abertal. Precisamente a presentación deste grupo, será un dos actos centrais do festival que segundo explica Manuel “se sae ben esperamos poder celebrar tódolos anos para que os alumnos teñan unha motivación máis”. Algúns dos membros xa levan tempo tocando de forma conxunta co resto de músicos de Abertal, tanto coa banda de gaitas como co coro, pero pouco a pouco foron traballando o seu propio repertorio e esta será a primeira vez que actúen sós.

Abertal cos primeiros acordeonistas do grupo.
Abertal cos primeiros acordeonistas do grupo.

Son moitos os músicos que acturán e pouco o tempo, por iso organizouse un programa cun riguroso horario que arrancarán María e Antela (Lara-A Rúa). Despois virán os solistas: Ariadna (A Rúa); Martín (A Rúa); Jefry (Vigo); Maika (A Rúa); Óscar (Vigo); Joaquín (O Barco); Rocha (O Barco); Jesús (A Rúa) e Alexandre (Tui, Pontevedra). A continuación actuarán os dúos formados por Óscar e Manuel (Vigo); e Sonia e Manuel (O Barco e Vigo). Despois tocaralle o turno ao quinteto de Abertal formado por Sonia, Maika, Suso, Rocha e Manuel; e de seguido ao grupo de acordeóns Tarataña de Vigo.

Trala actuación dos consagrados Tarataña será o momento no que se presente ante o público o grupo de acordeóns Abertal formado por unha decena de músicos. Tal como explica o profesor, o repertorio do grupo é principalmente tradicional como o de Abertal, aínda que no festival incluirán outros estilos “porque o acordeón é moi versátil e pode adaptarse a todo tipo de música”.

Grupo de acordeóns Tarataña.
Grupo de acordeóns Tarataña.

O dúo de acordeóns Xaime Vilas e Manuel Olegario tamén actuarán poñendo o broche de ouro o grupo de acordeóns Abertal tocando conxuntamente co coro.

A maiores do festival musical, a celebracón do “Día Mundial do Acordeón”, organizado por Abertal coa colaboracón do Concello da Rúa, inclúe unha exposición no vestíbulo do Centro Cultural Avenida, con diferentes tipos de acordeóns, fotografías e un apartado coas distintas partes que compoñen o instrumento, así como ferramentas para a súa reparación.

Artigos relacionados

Back to top button