En portada

Dimite o presidente do CRDO Valdeorras

Comunicaba a súa decisión en rolda de prensa rodeado de varios adegueiros desta denominación
O presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, na rolda de prensa na que anunciaba a súa renuncia./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, na rolda de prensa na que anunciaba a súa renuncia./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Non se trata só do tema dos expedientes, isto é a punta do iceberg dunha serie de cuestións que dan lugar á decisión da miña renuncia. O pleno do consello ten que estar convencido para que a denominación vaia para adiante, ese é o problema”, con estas palabras concluía José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, a rolda de prensa que convocaba na mañá do 10 de febreiro para anunciar a súa renuncia ao cargo. Facíao na sede deste órgano réctor acompañado polos traballadores do consello e rodeado por un grupo de adegueiros que, coa súa presenza, amosaban o apoio á súa xestión.

José Luis García Pando adiantaba que mañá presentará de xeito oficial a súa demisión e, de seguido, explicaba os motivos que lle impulsaban a dar este paso, referíndose en concreto ao sucedido no pleno do consello celebrado na tarde do 9 de febreiro, no que os representantes da tres cooperativas da denominación e os sindicatos Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores votaban en contra dos expedientes abertos a uns 180 viticultores. “Votan en contra de seguir coa tramitación dos expedientes, votando en contra dun informe vinculante do órgano de control e do comité de garantías. Incurrindo, no meu parecer, nunha intromisión gravísima do pleno en temas de control, que ademais vai ter consecuencias graves no proceso de acreditación do consello pola ISO 17065, xa que a non conformidade detectada, máis importante na auditoría de ENAC foi precisamente as inxerencias do pleno nas decisións do órgano de control”, destacaba García Pando.

Tamén lembraba que nesta lexislatura, a segunda que levaba ao fronte da D.O. Valdeorras, “púxenme como meta a acreditación do consello regulador e, como vemos, temos dado un paso para adiante e dous para atrás e non quero ser o responsable máximo de que este consello non se acredite, quero estar na primeira liña da parrilla de saída e non no furgón de cola, pero a maioría do pleno non o ve, así a carreira gañouna Rías Baixas acreditándose antes ca nós. Preocúpanse de defender máis aos que incumpren o regulamento que aos que fan as cousas ben e cumpren as normas. É por iso que vou presentar a miña renuncia como presidente da D.O.”.

Adegueiros da D.O. Valdeorras presentes na rolda de prensa, xunto aos traballadores do consello./ Foto: Carlos G. Hervella
Adegueiros da D.O. Valdeorras presentes na rolda de prensa, xunto aos traballadores do consello./ Foto: Carlos G. Hervella

Nesta mesma liña, aludía á perda de confianza que tiña “con parte dos que me elixiron como presidente vai facer tres anos: os vogais das cooperativas, que pactaron o que lles interesou unhas veces con adegas e outras veces con sindicatos”. Ademais García Pando pedía que, xa que el presenta a súa demisión, os que votaron en contra deste proceso de regulamentación europea “presenten tamén a súa renuncia porque creo que non defenden xa ao sector do viño en Valdeorras”.

Tivo asemade palabras de agradecemento aos traballadores do consello, aludindo á súa “entrega e profesionalidade, son o mellor da D.O. con moita diferenza” e “nunca foron apoiados pola maioría do pleno nos seus labores, levando culpas que só lle poden achacar a quen elabora as normas, que é o pleno”. E ademais sinalaba que queda “á disposición do próximo presidente para todo o que necesite”.

Tras a súa intervención, os adegueiros presentes amosábanlle o seu respaldo o e comentaban a situación de incertidume que se cerne agora sobre a denominación, ademais de interesarse polo proceso que a partir deste momento determinará quen ocupará o posto de presidente, unha vez se faga efectiva a renuncia de García Pando. Ademais destacouse a importancia que pode ter este suceso para un dos sectores económicos máis importantes que ten Valdeorras, xa que se estima que move entre 20 e 25 millóns de euros ao ano, diñeiro que queda na comarca.

A rolda de prensa remataba con aplausos de apoio a García Pando./ Foto: Carlos G. Hervella.
A rolda de prensa remataba con aplausos de apoio a García Pando./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button