CulturaCulturaÚltima hora

A diversidade do Entroido ourensán plasmada con acuarela

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a mostra “As caras do Entroido ourensán”, do artista José Manuel Sánchez, ata o 19 de marzo

As Pitas de Eiroás, Peliqueiros de Laza, Cigarróns en Verín, as Pantallas en Xinzo, as Mázcaras de Manzaneda, o Boteiro de Vilariño de Conso… Farían falta máis de cen páxinas só para escribir a historia de cada unha das caras do Entroido Ourensán, pero o artista plástico José Manuel Sánchez soubo, a lo menos, retratar 22 das facianas máis salientables do Entroido da provincia e, dende hoxe 22 de febreiro, están expostas todas elas no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, en Ourense. A exposición “As caras do Entroido ourensán” fai un compendio etnográfico en acuarela por todos os traxes que estes días visten nas diferentes localidades ourensás.

O simbolismo e o colorido do Entroido da provincia están perfectamente plasmados en cada unha das pezas da exposición, que reflicten até o máis mínimo detalle todo o que compón cada un dos traxes tradicionais.

Na presentación, o artista salientou que a súa idea principal era que “a xente puidera coñecer a cantidade de caras do Entroido”. Sánchez asegurou que “Ourense é a provincia de España onde máis carnavais se fan” e fixo unha lembranza da súa infancia no Entroido da Merca: “recordo que pasaba a Guardia Civil e escapaban os mecos porque o Entroido estaba prohibido”. José Manuel Sánchez concluíu o seu discurso de presentación asegurando que o obxectivo “é levar esta exposición por diferentes concellos para que a xente siga coñecendo máis do Entroido”.

Por outra banda, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, iniciou o seu discurso pronunciando a seguinte frase: “Galicia é o país dos mil ríos, pero Ourense é a provincia das mil caras do Entroido”. O vicepresidente asegurou que “nos días posteriores ao Nadal, xa se empeza a sentir como a provincia ferve co Entroido”. O político asegurou que esta exposición “é un xeito de potenciar a diversidade e a tradición, porque o mellor xeito de ser progresista é conservar a tradición”.

A mostra estará até o 19 de marzo e todas as pezas están recollidas nun tríptico acompañadas dunha crítica de Antonio Piñeiro.

Artigos relacionados

Back to top button