OurenseÚltima hora

Dúas xornadas porán en relación a Otero Pedrayo co cartógrafo Fontán

Expertos relatores intentarán facer achegas sobre a Carta Xeométrica de Galicia e a presenza na obra de Otero Pedrayo. Os relatorios serán en Trasalba e o Liceo de Ourense
Juan Luis Saco e Pablo Sánchez. // Foto: Carlos Asensio.

Esta fin de semana, venres 20 de outubro e sábado 21, a Fundación Otero Pedrayo organiza un encontro con diferentes relatorios que teñen como obxectivo establecer a relación entre o autor e o cartógrafo matemático Domingo Fontán e a súa Caerta Xeométrica de Galicia.

Segundo explicou o presidente da Fundación, Juan Luis Saco, na presentación de hoxe, 17 de outubro, estes relatorios organízanse “con motivo do segundo centenario dos comezos da Carta Xeométrica de Galicia e o 151 aniversario da morte de Fontán, que é o día 24 de outubro”. O presidente reiterou que Otero Pedrayo “tivo unha grande conectividade co mapa de Fontán, porque o seu pai o tiña colgado na casa”. Así, Pedrayo escribiu un artigo no xornal santiagués La Noche, de Santiago de Compostela titulado “Toda Galicia vai nela”. “Tamén menciona este mapa en ‘Arredor de si’ (1930)”, dixo Saco. Asemade, “prologou a reedición do Mapa de Fontán de 1975”.

Fontán foi un matemático que percorreu toda Galicia “a pé”, explicou Juan Luis Saco, aplicando a cartografía matemática, “o primeiro de España en facelo”, dixo Saco, e fixo un retrato pormenorizado da nosa comunidade. “O mapa era tan exacto que os mapas feitos hoxe só serven para confirmar o mapa de Fontán”, asegurou o presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Todos os relatorios serán impartidos por expertos de excepción na materia. A primeira xornada, venres 20 de outubro, será na sede da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba. A inauguración será ás 17:00 horas. O primeiro relatorio está previsto ás 17:30 horas baixo o título “Domingo Fontán e a Fundación do seu nome”, impartido polo vicepresidente da Fundación Domingo Fontán. Ás 18:45 arrancará “A parroquia galega a partir da Carta Xeométrica, que correrá a cargo de Mari Carmen Álvarez Monterroso, doutora en Xeografía. O derradeiro relatorio deste día adentrarase entre a relación epistolar que tiñan Pedrayo e a familia de Fontán “correspondencia que estableceron entre os anos 1963 e 1972 o autor e dúas netas de Fontán”, explicou o relator e arquiveiro da Fundación, Pablo Sánchez Ferro na presentación.

Neste eido, Pablo Sánchez Ferro asegurou que estas misivas permitiron “facer un retrato do propio Otero Pedrayo dun xeito máis íntimo e demostra que para el Fontán era un mestre”.

A segunda xornada, o 21 de outubro, vaise celebrar no Liceo de Ourense. O primeiro relatorio será ás 10:30 horas titulado “A realización material do Mapa de Fontán e Ourense”, a cargo do profesor de Literatura Galega e secretario da Fundación Otero Pedrayo, Afonso Vázquez-Monxardín. Elena Vázquez Cendón, profesora de Matemática Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, impartirá o segundo relatorio ás 11:30 horas titulado “O matemático da medida da comunicación de Galicia”. Para rematar, o relatorio de clausura versará sobre sobre Fontán en Otero Pedrayo a cargo do profesor de Literatura Galega da USC, Xosé Manuel Salgado.

Tanto Juan Luis Saco como Pablo Sánchez Ferro convidaron a “que todo o que estea interesado en Otero Pedrayo acuda a estas xornadas”. Asemade, os profesores que decidan pasarse “deberán inscribirse no Centro Autonómico de Formación e Innovación para poder obter un certificado de oito horas de formación”, xa que a Fundación estableceu un acordo con este centro.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button