EntrevistasÚltima hora

“‘É o meu disco máis persoal’

Emilio Rúa presenta “Queriga Alegría” nun concerto moi especial o 11 de marzo en Ourense coincidindo co seu cumpreanos
Carátula do novo disco do cantautor Emilio Rúa.
Carátula do novo disco do cantautor Emilio Rúa.

As cancións priman sobre a produción no novo disco de Emilio Rúa: Querida alegría. “Posiblemente sexa o meu traballo máis persoal”, confesa este cantautor natural de Riós e cunha traxectoria de 16 anos na música. Nel reúne doce pezas, entre as que hai temas inéditos “meus e tamén un poema feito canción de José Ramón Fernández, do Círculo Poético Ourensán”. Inclúe asemade tres versións en colaboración con outros artistas: Andar miudiño coas cantareiras ourensás Xestreu, A pousa co acordeonista vasco Kepa Junkera e A Carolina, que “é unha especie de maqueta un tanto divertida co actor Carlos Blanco”.

 

Está editado polo propio Rúa e presentábao o 30 de decembro no Liceo de Ourense. En febreiro tocaba en Santiago (o día 4), Madrid (o día 9), Monterroso (o día 26) e na Casa da Cultura de Verín (o día 27). Ademais o 13 de febreiro actuaba como artista convidado no concerto que Víctor Manuel dará na súa xira “50 años no es nada”. Nel “intepretarei a versión en galego que preparei da súa Canción Pequeña, que xa fixemos conxuntamente hai unhas semanas no programa Luar”, adianta.
Ademais estará en Ourense o día 11 de marzo nun concerto moi especial no Teatro Principal no que celebrará o seu 40 cumpreanos. Xa o 15 de abril tocará na Sala Baranda do Barco.

¿Como é Querida alegría?
Tratei de reunir todos os estilos que levo tocado ata agora. Quixen ademais realizalo dun xeito máis “rudimentario”, artesanal e fíxeno eu practicamente todo na casa, dándolle máis importancia á canción que á produción. Desa forma quería amosar cómo acostumo facer as cancións de base, sen ir moito máis alá. E iso creo que se ve no disco, porque a pesar de ser máis sinxelo, si agocha cancións bastante redondas. Eu diría que posiblemente sexa o meu traballo máis persoal porque podería ter feito cousas diferentes ou novas, sen embargo aproveitei moitos temas que tiña, dándolles outro aire, volvendo a cómo naceron. Por exemplo, Querida alegría xa estaba no meu primeiro disco e agora reaparece en castelán, que foi como o compuxen, entón volvo a editalo, neste caso eu, na súa forma orixinal e tamén como quixera que fose no seu día.

É tamén a canción que dá título ao disco…
Si, foi por un compendio de razóns… polo mesmo momento que estamos a vivir, no que todo cho pintan tan negro. É unha canción moi atemporal, ten 16 anos e creo que podería ser escrita de novo mañá porque mesmo a temática fala un pouco do que é a vida dos cantautores, do amor, do desamor, engloba en xeral todo e tamén o anhelo de ter sempre esa alegría.
Podería dicirse que este traballo recolle a túa evolución como cantautor, ¿como a definirías?
É curioso, pero ao final miro para atrás e con este disco parece como se non pasara nada. É certo que aprendes, pero sigo sendo o mesmo, non vin cambios radicais… Fixen producións e discos bastante diferentes uns dos outros porque cada un respira dunha maneira, sen embargo non enmascaran nada do que son eu no fondo. E na evolución si se ve que bebín de máis fontes como a música popular galega ou a tradicional. Tamén investiguei a música doutros países como a brasileira. Por exemplo, neste disco hai unha cantiga infantil Se esa rúa fose miña, que é brasileira.

Texto: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button