EntrevistasÚltima hora

“É un tema organizativo”

O xerente executivo do HCV, Ciro Cabezas, aborda a reforma da Lei de Saúde
Ciro Cabezas, xerente executivo do Hospital Comarcal Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Sete áreas sanitarias, 14 distritos e 14 hospitais. É o novo mapa sanitario que debuxa o anteproxecto de Lei que modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. Un cambio que suporá a desaparición de catro das 11 áreas sanitarias actuais, entre elas a do Barco. Para o xerente executivo do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), Ciro Cabezas, esta modificación lexislativa “non vai supoñer ningún cambio para o paciente. Agora hai un sentimento histórico de risco, de desmantelamento do hospital comarcal, por iso se xeraron no seu momento as plataformas de defensa da sanidade. É certo que ese sentimento existe, pero está moi lonxe da realidade e do obxectivo da consellería”. E insiste en que a reforma vai beneficiar a Valdeorras “porque facilitará a mobilidade dos facultativos e achegará a atención aos hospitais comarcais”.

¿Cal é a motivación da reforma da Lei de Saúde de Galicia e que se persegue con ela?

O primeiro motivo ou obxectivo é que a lei actual, que é do ano 2008, non representa a realidade organizativa que temos no Servicio Galego de Saúde. Por unha banta atopámonos con que esa lei ten 11 áreas sanitarias, pero hai 14 hospitais e 7 EOXIs (Estruturas Organizativas de Xestión Integrada), entón non coincide nada. O que o anteproxecto de reforma da lei contempla, no caso de Valdeorras, é simplemente cambiar a denominación de área sanitaria a distrito sanitario. A área sanitaria sería a provincia de Ourense e o distrito Valdeorras. Iso consolida a atención primaria, xunto co hospital comarcal e os servizos sociosanitarios, ademais favorece a mobilidade dos facultativos dentro da provincia xa que, co marco legal actual, os facultativos de Ourense que se desprazan ao Barco fano voluntariamente, pero coa reforma da lei o xefe de servizo vai poder organizar toda a área, movendo e achegando a actividade aos hospitais comarcais, aos distritos. Ademais hai especialidades nas que resulta imposible contratar facultativos no HCV como cardioloxía, rehabilitación, dixestivo, pediatría, reumatoloxía, uroloxía… pola gran demanda delas que existe en España, porque hai poucos facultativos e non queren vir traballar aquí. Nós ofertamos prazas, pero quedan desertas, entón, ¿como facemos para ter cuberta a asistencia? Facemos a cobertura desprazando facultativos do hospital grande, neste caso o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), para evitar que se despracen os pacientes. Un dato, dende o 2011 ata hoxe abríronse especialidades novas no HCV para as que antes había que ir a Ourense e que xeraron nese tempo 40.000 consultas de probas e de intervencións nas que, en lugar de viaxar os pacientes, foron os facultativos os que se desprazaron do CHUO ao Barco.

Coa reforma da lei desaparece a área sanitaria do Barco…

Non, non é que desapareza, cambia a denominación de área a distrito. Só cambia o nome, é un tema organizativo.

Pero a definición de área sanitaria só correspondería ás sete áreas que se manteñen como tal, xa non se aplicaría aos distritos…

Nos regulamentos vaise especificar o que vai ser o distrito. O que xa se sabe é que vai ser unha unidade funcional do hospital, garantindo a existencia e o aumento da carteira de servizos dos hospitais comarcais para evitar que os pacientes se despracen aos centros grandes como antes dicía.

¿Que efectos vai ter este cambio na lei para os pacientes?

Ningún, o único cambio que vai percibir o paciente é o de ir na liña de aumentar a carteira de servizos do HCV para evitar que se despracen, sempre e cando sexan especialidades cuxa técnica se poda realizar aquí, evidentemente no Barco non imos ter cirurxía cardíaca nin torácica, por exemplo. Unha cuestión que é moi importante é que, se a nós nos deran a autonomía absoluta cun modelo de área sanitaria libre, seríamos incapaces de ter un cardiólogo, nin consulta de dixestivo… esas especialidade desaparecerían de aquí porque hai poucos facultativos no mercado e poden permitirse o luxo de dicir que esa praza queda deserta.

Eses facultativos virían de Ourense para consultas puntuais, non estarían no hospital todos os días…

Cando se planifica un hospital non se planifica a puntualidade do facultativo, senón a actividade que precisa o hospital. Entón se a actividade di que ten que haber un pediatra de garda aquí cada día, nós planificamos iso. Temos un só pediatra que vive aquí, pero hai sete que veñen todos os días e vanse rotando, de forma que a asistencia está totalmente cuberta. Polo tanto, ¿que máis dá se vive aquí ou vén de fóra? É que ningún dos pediatras quere vir vivir aquí, ¿podéselles obrigar? Non, eles deciden. O meu labor é garantir a asistencia e buscamos todas as alternativas para facelo.

Coa reforma, ¿as contratacións de persoal serán dende Ourense?

Non, van ser dos distritos, iso non cambia.

Ao deixar de ser área, ¿o HCV deixará de ter xunta de persoal?

Van estar representados na xunta de persoal de Ourense. A xunta vai ser de área e nela estarán representados todos os distritos.

¿A participación cidadá tamén se fará por área?

Si, pero a lei deixa aberto que tamén se poda facer por distrito e seguramente, se hai alegacións, isto terase en conta no regulamento. Antes as reunións da comisión de participación cidadá eran voluntarias, sen embargo, coa reforma serán obrigatorias e iso é moi importante porque vai permitir escoitar a todas as partes e que afloren cousas, e iso resulta moi enriquecedor.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button