Entrevistas

“É unha liña de estudo innovadora”

Un traballo sobre nanoestruturas da barquense Sandra Arias abre a revista “Angewandte Chemie”
A investigadora barquense, Sandra Arias./ Foto: Ángeles Rodríguez.
A investigadora barquense, Sandra Arias./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O avance tecnolóxico apoiase no entendemento e coñecemento das propiedades fundamentais dos materiais. Tamén no dominio das técnicas para sintetizalos, caracterizalos e procesalos. Cando os sistemas de traballo deses materiais caen á escala dunha millonésima de milímetro, éntrase na nanotecnoloxía. Neste campo móvese Sandra Arias, natural de Veigamuíños (O Barco), que forma parte do grupo Nanobiomol da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Está a realizar a súa tese doutoral sobre as nanoestruturas baseadas en materiais poliméricos (baixo a dirección de Ramón y Cajal Félix Freire, Emilio Quiñoá e Ricardo Riguera) no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS).

Este grupo de investigación incorpora novas nanoestruturas quirais de diferentes formas que permiten encapsular diversas sustancias orgánicas e inorgánicas. O seu traballo era portada en decembro da prestixiosa revista Angewandte Chemie, que recoñece investigacións de máxima calidade no mundo da química.

 

¿En que consistiu esta investigación?

Traballamos con materiais nanoestruturados poliméricos, pero non todos os polímeros forman nanopartículas. Nós probamos cun polímero que si foi capaz de formar nanoestruturas e non só nanoesferas, que é o máis habitual, senón que tamén fomos capaces de crear nanotubos e nanotoroides (cunfa forma que recorda a dos donuts). Cada unha destas diferentes nanoestruturas é capaz de encapsular substancias como partículas magnéticas e tamén florocromos (fluorescentes).

Membros do grupo de investigación Nanobiomol da USC./ Foto cedida.
Membros do grupo de investigación Nanobiomol da USC./ Foto cedida.

¿De que maneira se altera o polímero para lograr eses resultados?
Os polímeros que usamos teñen unhas utilidades ou aplicacións mediante estímulos externos, ben sexa coa temperatura, pH ou polaridade… Nós alterámolo con metais monovalentes, co litio, co sodio, coa prata… E, dependendo do ión metálico, os polímeros poden ser helicoidais, como o ADN, pero se engado un metal divalente no polímero son capaz de inducir unha hélice que xire cara a dereita, en cambio se é monovalente, xira á esquerda… Son capaz de formar nanoestruturas que poidan xirar á dereita ou á esquerda, dependendo do metal que lle inxectes, que estimule o polímero. Agora estou cun novo artigo no que pretendo demostrar que cun só metal monovalente tamén son capaz de inducir xiros de esquerda e dereita.

 
¿Existen outras liñas de investigación deste tipo en España?
Non, é unha liña innovadora. Estamos na era da nanotecnoloxía e isto está gustando moito. Xa presentamos esta investigación en congresos. O ano pasado estivemos na Reunión Bienal Española de Química en Santander, tamén na Escola Nacional de Materiais Moleculares en Gandía…

 

 

Nestes momentos está ademais desenvolvendo a súa tese, ¿en que aspectos da nanotecnoloxía se centra?
Enfócase na nanotecnoloxía pero de material de ouro, nas nanopartículas de ouro. O ouro está en todos lados, calquera grupo de investigación do CIQUS traballa con el, está de moda. Eu realicei uns experimentos con ouro e vexo que si funcionan, as nanopartículas de ouro son moi estables. E nesa liña estou a traballar.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil de febreiro.

Artigos relacionados

Back to top button