CulturaEducaciónSen categorizarÚltima hora

Educación en valores no IES Carlos Casares de Viana

O instituto vianés acolle o programa “O Mundo que queremos” a través de obradoiros de radio, fotografía e teatro
Alumnos do IES Carlos Casares no obradoiro.
Alumnos do IES Carlos Casares no obradoiro.

As desigualdades sociais e as causas que as perpetúan, foi o eixe sobre o que xirou o primeiro obradoiro de educación en valores de “O mundo que queremos” que acollía o IES Carlos Casares a comezos de decembro, facendo partícipe desta problemática ao alumnado e remarcando o seu papel transformador na consecución dun mundo máis xusto.

“O mundo que queremos” é un proxecto de educación para o desenvolvemento que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais, neste caso a través da comunicación (podcast e imaxes) como medio para sensibilizar e transformar.

Realizando unha das actividades do obradoiro.
Realizando unha das actividades do obradoiro.

O fío temático do proxecto son os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado “teatro da oprimida”. O proxecto inclúe asemade a visita aos institutos de persoas dos países do Sur vinculadas á cooperación para o desenvolvemento, e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante a duración do proxecto.

Esta iniciativa está a ser executada por Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa de Educo, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) e o grupo “Teatro dxs oprimidxs 100tolas”.

Artigos relacionados

Back to top button