En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Emotivo adeus ao profesor de karate valdeorrés José Luis Puente

Alumnos de diferentes xeracións acompañaban, vestidos co quimono, á súa familia e amigos no funeral

Cun saúdo como o que el lles ensinou nas súas clases de karate e co mesmo respecto e agarimo que sempre lles transmitiu, diferentes xeracións de alumnos despedían ao profesor de karate valdeorrés José Luis Puente Murias. Facíano ademais vestidos co quimono branco, a mesma vestimenta que levaba a súa viúva Mary, nun sentido e multitudinario funeral que se celebraba na mañá do 10 de setembro na igrexa de Veigamuíños (O Barco).

Durante a cerimonia relixiosa interviña en nome da familia a súa irmá Elisa para lembrar, moi emocionada, a figura do seu irmán, destacando a súa honestidade e humildade, “era un grande entre os grandes. O que conta é pasar por este mundo e deixar unha pegada, unha pegada moi grande que quedará toda a nosa vida e seguirá cando nós marchemos de aquí”. Ademais amosaba o seu agradecemento “por esta compaña e este consolo que tivemos por parte de todos vos”. Tamén pedía un gran aplauso para o seu irmán, que “estou convencida de que vai facer algo grande alá no ceo por todos nós”.

Posteriormente, os asistentes acompañaban a pé o féretro de José Luis Puente ata o cemiterio de Veigamuíños onde lle daban o último adeus cunha agarimoso saúdo propio do karate, unha das moitas ensinanzas que este profesor valdeorrés tan querido compartiu con eles no Riverstone, nas escolas ou no Kárate Club Barco, e a quen seguro nunca esquecerán.

Máis información:
https://osil.info/valdeorras-despidese-profesor-de-karate-jose-luis-puente-murias/

Artigos relacionados

Back to top button