SanidadeÚltima hora

En dúas semanas atendéronse case 6.600 urxencias entre o PAC de Ourense e o CHUO

Entre o 25 de xaneiro e onte o Punto de Atención Continuada de Ourense atendeu 3.261 urxencias e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense 3.375
Entrada das Urxencias do CHUO.

O repunte de pacientes atendidos por Urxencias en Ourense debido incremento da epidemia estacional de gripe e afeccións respiratorias é un feito. Onte, moitos usuarios deste servizo do CHUO aseguraban que as esperas prolongábanse máis de catro horas e incluso tiñan que ser atendidos nos corredores do hospital. Unha situación que tamén denunciou o Comité de Centros do Complexo ourensán. Os representantes dos traballadores aseguraban onte que había un “sobreaforo” nas Urxencias e falta de persoal e material, unha afirmación desmentida pola Xerencia, que asegurou que este repunte estaba previsto e puxeron en marcha un “Plan de Continxencia” co que se “aumentou o persoal e o material”.

Pero a crecida de pacientes con infeccións respiratorias ou cadros gripais está aí. Segundo os últimos datos aportados pola Xerencia de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, só na área de Ourense atendéronse un total de 12.116 urxencias, das cales o 72% foron nos PAC da área da capital (Allariz, Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova Coles, Maceda, Ourense, Ribadavia e Xinzo de Limia).

Fontes do CHUO aseguran que, dende que comezou o incremento de atencións de urxencias (o 25 de decembro aproximadamente) até onte, os dez PAC de Ourense (dos 14 existentes na provincia) atenderon 8.741 urxencias. Neste senso destacan a actividade rexistrada polo PAC da cidade, con 3.261 urxencias. Unha cifra moi parecida ás atendidas neste mesmo período polo servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con 3.375.

Fronte á crecida de 267 urxencias rexistradas no CHUO, o pasado día 2 de xaneiro, o PAC de Ourense superou a súa cota o pasado día de Reis, con 319 asistencias, superando o pico rexistrado o día de Nadal, no que se atenderon 295 urxencias.

Gráfico da evolución das Urxencias do CHUO e do PAC de Ourense entre decembro e xaneiro // Fonte: CHUO 

En canto aos días de máis actividade, o PAC da capital rexistra os seus picos nos domingos e festivos e, pola contra, as Urxencias do CHUO teñen a súa maior afluencia os luns ou días posteriores ás xornadas festivas. Neste senso, dende a Xerencia resaltan tamén a alta actividade que están a ter os centros de Atención Primaria da provincia.

A pesar das importantes críticas de usuarios e persoal, dende a EOXI de Ourense, Verín e O Barco reiteran que tanto o persoal e as infraestruturas hospitalarias de Ourense, as do CHUO e os Hospitais Comarcais de Verín e o Barco de Valdeorras, “están preparadas para asumir este incremento da demanda, asistindo e ingresando a todo aquel paciente que o precise”. Por outra banda, animan aos pacientes a que, no caso dun proceso viral ou respiratorio sen complicación, “acudan preferentemente ao seu Centro de Saúde ou Punto de Atención Continuada (PAC) máis próximo”.

Asemade, en caso de dúbida, antes de acudir ao hospital, os pacientes poden chamar ao 061 ou ao 112, onde un médico atenderaos telefonicamente e valorará a necesidade asistencial do paciente, activando os recursos precisos ou dirixíndoos ao centro sanitario máis axeitado para recibir asistencia.

Artigos relacionados

Back to top button