Co nomeamento de María G. Albert como Dona Mencía, na praza do Concello da Rúa, arrancaba na tarde do 7 de xuño a III edición do CaViño de Inverno. Unha iniciativa dos hostaleiros locais para promocionar os viños de Valdeorras e o Camiño de Inverno a Santiago.
Ao longo da fin de semana, os participantes nesta peculiar ruta poderán degustar en cada local, viños dunha adega valdeorresa, recibindo un selo con cada degustación e premios ata esgotar existencias en función dos selos: con tres unha panoleta; con seis unha camiseta; con dez un sombreiro de peregrino; e con quince unha Guía do Camiño de Inverno, unha Compostela e a participación nun sorteo de lotes de viño e ceas. Ademais haberá un cea gratis para o mellor disfrace de peregrino.
Os locais participante nesta ocasión son: Luna’s Café Bar, O Café, A Cervecería, Bar 4, O Retorno, Orballo Tapería, La Bar-bería, El Patio, Bar Norte, Bravo Lux, Sport’s Café, As Piscinas-Dipöp, O Refuxio, Barakoa e O Pillabán.
Este ano como novidade, hai un tren turístico para levar aos participantes dun establecemento a outro, tamén fogos de artificio e por suposto música. Na xornada do venres actuaron Os Bertolini e Pándega e na do sábado serán Ouruxobruxo e Os Palletas. Ademia nos establecementos participantes pode haber sorpresas, dende a degustación de produtos ata concertos. No caso do Bravo Lux, hoxe, a partires da medianoite contarán coa actuación en directo de Carlos Bau.
No acto de inauguración, o concelleiro Carlos Aristegui entregaba a María a camiseta oficial do CaViño, mentres que o presidente do Consello Regulador, Francisco García, un sombreiro do peregrino, selando o nomeamento cun brinde con viños de Valdeorras.
Fotos: Carlos G. Hervella.