PolíticaÚltima hora

En Marea propón un marco legal para aumentar a participación cidadá

A formación presentou esta mañá en Ourense as súas propostas en materia de transparencia
O acto celebrouse esta mañá en Ourense.
O acto celebrouse esta mañá en Ourense.

En Marea celebrou esta mañá en Ourense un acto para presentar as súas propostas en materia de transparencia e participación cidadá. Contou coa presenza do candidato á Xunta de Galicia, Luís Villares, e a cabeza da lista por Ourense, Ánxeles Cuña, que estivo acompañada do número 4, Xosé Manuel Pérez Bouza, entre outros. Avogan por crear un marco legal que incida fondamente na cuestión de incrementar o papel dos cidadáns na toma de decisións do goberno.

Neste senso, apoian a reforma da lei electoral galega de cara a garatinr a igualdade. “Fronte ao recorte de parlamentarios que pretendía Feijóo, un dos tantos proxectos que quedaron en nada, precisamos unha modificación lexislativa”, explicou Villares.

Outra das ideas é a fixación duns orzamentos participativos para o ano 2018. “Porque sumando intelixencias, decidimos mellor”, subliñaron dende a formación. Nesta mesma liña de fomentar a participación cidadá tamén vai a creación da lei galega de lobbies, para coñecer quen e como inflúe no deseño das políticas públicas.

O programa tamén inclúe a creación dun observatorio independente para avaliar e fiscalizar as políticas públicas, a creación dunha lei de participación democrática e a firme convicción de instaurar a participación e a transparencia en todas as áreas de goberno, caso de gañar as eleccións.

Noutras áreas, buscarán recuperar o sistema de información sanitaria “para garantir a tranparencia en xestión dos recursos”, crearán un órgano de participación social para o deseño, avaliación e seguimento da política cultural e, no plano educativo, potenciarán campañas de educación para o desenvolvemento e a sensibilización social, promovendo a implicación directa dos departamentos autonómicos.

Xa no ámbito do Sistema Universitario Galego, promoverán a creación dun mestrado no ámbito da cooperación ao esenvolvemento e axuda humanitaria e incrementarán as bolsas de formación na mesma materia, mellorando as condcións económicas dos bolseiros.

Por último, tamén a educación no rural leva atención desta formación, xa que propoñen desenvolver un tratamento lexislativo específico, especialmente no que atinxe aos requisitos mínimos dos centros.

Artigos relacionados

Back to top button