EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Enocións by Ribeiro” xungue a enoloxía e o Camiño de Santiago

Trátase dun programa de actividades promovido polo CRDO Ribeiro que se desenvolverá na Cidade da Cultura
Detalle do cartaz de "Enocións by Ribeiro".
Detalle do cartaz de “Enocións by Ribeiro”.

Música, fotografía, gastronomía ou humor. Son algúns dos ingredientes do novidoso proxecto “Enocións by Ribeiro”, que promove o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro en colaboración coa Cidade da Cultura. A través desta actividade pretende reflectirse “as emocións que fai aflorar o Camiño de Santiago uníndoas aos viños da D.O. Ribeiro, legado do Císter e historicamente ligada á ruta xacobea”, segundo se indica dende o seu consello regulador.

O seu programa incluirá tres accións que se desenvolverán en maio, xuño e setembro na Cidade da Cultura, en Compostela. A primeira delas está prevista para o vindeiro 8 de maio. A proposta consiste en percorrer a exposición “Camiño. A Orixe” e, de seguido, acceder á zona “Enocións by Ribeiro” para desfrutar da música de Guadi Galego e dunha escolma de fotografías sobre esta denominación de orixe ourensá e o Camiño de Santiago, obra de Xurxo Lobato. Isto será ademais acompañado pola cata comentada de catro viños singulares da mano “dun prestixioso personaxe do mundo vinícola de Galicia”, segundo adianta a organización.

Pepe Solla, un dos cociñeiros galegos máis recoñecidos, será o protagonista da segunda sesión do programa de “Enocións by Ribeiro”, prevista para o xoves 11 de xuño. A súa presentación irá acompañada de música electrónica de Dj Analïs, na que a selección de ritmos buscará unha conexión cos viños.

Co humorista Carlos Blanco pecharase o programa o 10 de setembro. Todas as sesións contarán con visitas guiadas á exposición e cunha cata de viños, neste caso maridada coa retranca do cómico de Arousa.

Artigos relacionados

Back to top button