EconomíaEconomíaÚltima hora

O “enotruck” de Enoturismo de Galicia chega a Ourense

Durante a xornada, o camión ofrecerá catas gratuítas maridadas con produtos da terra e música do grupo ourensán Soul&Roll

A praza do Bispo Cesáreo foi o lugar elixido polo “Enotruck” de Turismo de Galicia para achegar á cidadanía da capital e aos turistas a oferta das Rutas do Viño Galego: Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterei, Ribeiro e Rías Baixas. Esta campaña promocional lévase a cabo por Enoturismo de Galicia en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia e a Axencia de Turismo de Galicia.

Na mañá de hoxe, 22 de setembro, tanto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, animaron aos ourensáns e turistas a achegarse a este camión do viño. Díaz Mouteira asegurou que “esas catro denominacións de orixe ourensás serán as nosas embaixadoras aló onde vaia este camión” e por iso salientou a importancia das rutas do viño e do sector na provincia.

Neste senso, o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, falou en representación destas cinco rutas galegas. Casares reiterou as “infinitas posibilidades que o Enoturismo galego pode ofrecer a veciños e turistas”. Salientou o termalismo do Ribeiro; “románticas viaxes pola Ribeira Sacra, a tradición pizarreira do Barco de Valdeorras ata a historia do Castelo de Monterrei, sen esquecer o carácter atlántico das Rías Baixas”.

Pola súa banda, o representante da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, dixo que esta campaña “é un gran vehículo de comunicación, porque o viñio é comunicación”. Finalmente, o representante do Clúster de Turismo de Galicia, Ovidio Fernández, dixo que iniciativas como estas fan que ourense “se coloque na plataforma de despeque do que xa sabemos que é unha realidade, o enoturismo”. Reiterou que o camión vai potenciar “os recursos endóxenos da nosa provincia”.

Este “road show” vai acoller actividades formativas e promocionais sobre o sector enoturístico da nosa comunidade a través de catas e música en directo. Así, todos os actos vanse desenvolver entre as 12:00 e as 23:00 horas. As catas gratuítas faranse ás 19:15 e ás 21:30 horas asociadas ás adegas das cinco rutas do Viño de Enoturismo de Galicia, “maridados con mexillóns e sardiñas en lata; pan da IXP Pan de Cea e queixos da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa”, lembrou Jesús Vázquez, e dirixidas pola sumiller Mercedes González.

Juan Manuel Casares lembrou que ás 20:15 horas, haberá unha actuación musical a cargo do Soul & Roll. “Un grupo de aquí, de Ourense, que despois dunha xira por toda Galicia, presentan aquí os últimos éxitos do pop-rock dos últimos tempos”, dixo José Manuel Rodríguez.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button