Ourense

Entidades, sindicatos e partidos políticos reivindican solucións ante a posible desaparición do Ateneo

A plataforma pro-Ateneo mantivo unha xuntanza co presidente da Deputación para buscar posibles solucións á falta de espazo físico desta asociación cultural
Manuel Baltar, na reunión coa plataforma pro-Ateneo.

 

O Ateneo de Ourense atópase nunha situación na que non poderá seguir coa súa actividade ante a falta de espazo físico onde desenvolvela. Esta preocupación levou á creación dunha plataforma denominada “pro-Ateneo” que o que busca son apoios para evitar, precisamente, que a actividade desta asociación cultural remate.

Hoxe, 23 de marzo, esta plataforma reuniuse co presidente da Deputación, Manuel Baltar, para trasladarlle esa inquedanza que teñen e buscar algún tipo de solución a esa falta de espazo. O presidente expresoulles que comparte “cen por cen” o espírito de traballo e a filosofía do Ateneo e asegurou que “non entenderíamos unha cidade e unha provincia de Ourense sen un referente social e cultural como é o Ateneo”.

Entre as solucións propostas por parte da Deputación, Manuel Baltar ofreceu alternativas como “poñer a disposición o Centro Cultural Marcos Valcárcel para compartir as instalacións co Ateneo”. Asemade, Baltar asegurou que se puxo en contacto co Conselleiro: “teremos unha xuntanza o 3 de abril para falarmos da proposta da plataforma de que a nova sé do Ateneo se sitúe no edificio da actual Biblioteca Pública”. Finalmente, o xefe do executivo provincial propúxolle á plataforma Pro-Ateneo que no caso de que non acadasen a biblioteca, que os representantes do Ateneo busquen un local que se adecúe ás súas características “e a Deputación de Ourense estará para apoiar economicamente o mantemento da infraestrutura”, dixo.

Apoios

Pero estes días foron varias as institucións, partidos políticos e sindicatos os que se sumaron ao apoio desta plataforma. Comisións Obreiras, por exemplo, emitiu un comunicado no que facía un chamamento “á cidadanía ourensá a que se sumen na defensa do Ateneo, un espazo de cultura e liberdade, patrimonio da cidade”. Neste comunicado tamén denuncian a “desidia das institucións públicas, en especial a Consellería de Cultura, ante as dificultades sobrevidas desta institución cultural”. Ao mesmo tempo, animaron a buscar solucións.

Asemade, Ourense en Común, vén de solicitar un pleno extraordinario para que o Concello mostre o seu apoio á supervivencia do Ateneo. Neste senso, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, dixo que “o Concello sempre apoiou ao Ateneo, e se pode dar boa conta delo a presidenta do Ateneo cando eu xa era conselleiro de Cultura e agora dende o Concello”. O rexedor municipal dixo tamén “que temos que ser conscientes, e o apoio ten que partir da propia sociedade. Ademais das administracións, é a sociedade que ten que involucrarse, pero non a través de plataformas reivindicativas ou incluso politizadas, senón a través de inclusión ou captación de novos socios, porque se os socios caen da a entender que a sociedade de Ourense non acompaña”. Así é todo, o alcalde da cidade das Burgas manifestou seu “apoio e admiración polo traballo que fai o Ateneo”.

Tamén o BNG sumouse ás reivindicacións. Os nacionalistas esixiron ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a que “axilice as xestións para que, dende a Xunta de Galicia, lles ceda un dos locais que quedarán baleiros no actual edifico que ocupa a Biblioteca Pública de Ourense, como espazo temporal”.

Outra das institucións que sumou o seu apoio ao Ateneo foi a Sociedade Galega de Historia Natural.

Artigos relacionados

Back to top button