EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Entre brindes e sons de gaita, na XXXV Feira do Viño de Quiroga

A mostra vén de abrise no mediodía do 15 de abril co Encontro Infantil e Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas na praza España

A rúa principal de Quiroga convértese, unha Semana Santa máis, en escenario do recinto da XXXV Feira do Viño desta vila. Nela poderán degustarse os viños elaborados por nove colleiteiros do municipio na fin de semana do 15 e 16 de abril.

O certame tiña xa como limiar diversas actividades como o VI Quiroga de Tapas, unha competición de fútbol sala e tamén a Carreira da Feira do Viño, celebrada na tarde do 14 de abril. Pero o programa oficial da mostra encetábase no mediodía do 15 de abril coa inauguración do recinto feiral  a cargo do director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Luis Foxo. Eran xa moitas as persoas que se achegaban a desfrutar dos viños quirogueses.

Ademais tiña lugar o Encontro Infantil e o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Feira do Viño, coa participación dunha decena de agrupacións, entre elas as de Quiroga, Ribas de Sil e a de Vilariño de Conso. Estas actuacións desenvolvíanse na praza España desta vila lucense. Este certame estaba adicado á memoria de Manuel Rodríguez Seoane “O Penelo”. Tamén tiña lugar un desfile das bandas pola rúa Real.

Xa pola tarde, o programa da feira continuará con actuacións da Banda de Gaitas San Martiño de Quiroga e de Os Palletas polo recinto feiral, onde tamén se poden atopar stands con outros produtos típicos de Quiroga como mel, marmeladas, aceites ou licores.

A música  continuará ás 18:30h. no Auditorio coa Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de gaitas San Martiño e os grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga. Logo entregaranse os premios do XIII Certame de cartas de amor da vila e ás 20:30h. lerase o pregón no palco, a cargo da actriz Eva Isanta (que forma parte do elenco da serie televisiva “La que se avecina”). De seguido, actuará o grupo Atenas e farase entrega dos premios do VII Concurso de Camisetas “Feira do Viño”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button