ConcellosÚltima hora

Entrega de diplomas nos obradoiros de emprego de Celanova

Nos tres programas formativos que veñen de concluír participaban 62 desempregados desta comarca ourensá
Participantes no acto de clausura dos obradoiros.
Participantes no acto de clausura dos obradoiros.

“San Rosendo segue o camiño”, “Río Arnoia I” e “Terras de Celanova III”. Son os tres obradoiros de emprego que se veñen de desenvolver na comarca de Celanova. Neles participaron un total de 62 desempregados procedentes dos concellos de A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. Na mañá do 5 de marzo recibían os seus diplomas nun acto celebrado no Mosteiro de Celanova que contaba coa presenza do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, e dos rexidores dos concellos nos que se realizou.

Ao longo dos seis meses nos que se desenvolveu o programa “San Rosendo segue o camiño”, os seus vinte alumnos formáronse en áreas como a creación e xestión de viaxes combinadas e eventos, a xestión de marketing e comunicación, a implantación e animación nos espazos comerciais e a creación e xestión de microempresas. Desenvolvíase nos concellos de Celanova, Bande e Verea.

No caso do obradoiro organizado conxuntamente polos concellos de Cartelle, Ramirás e A Merca “Río Arnoia I”, con 21 alumnos impartíronse módulos de albanelería, viveirismo e xardinería. Ademais os 21 alumnos participantes no obradoiro “Terras de Celanova III” (promovido pola Mancomunidade Terra de Celanova) recibían formación en atención xeriátrica e asistencia doméstica, para de seguido poñer en práctica os seus coñecementos en domicilios dos oito concellos que integran este ente supramunicipal.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button