SanidadeÚltima hora

A EOXI ourensá prepara un plan para o posible aumento da afluencia pola gripe

Na temporada 2016-2017 a EOXI ourensá rexistrou 120 ingresos por esta patoloxía dos cales houbo 12 falecidos
O plan está coordinado por diferentes servizos da EOXI. // Foto: Carlos Asensio.

A pesares de que a gripe pode parecer unha sintomatoloxía pouco agresiva na xente, nas persoas maiores, inmunodeprimidas, con enfermidades crónicas ou pluripatolóxicas , pode xerar complicacións que rematen no ingreso hospitalario. Este pode ser o caso da provincia de Ourense, que pode ver aumentada a súa demanda asistencial, paralela ao incremento de casos, especialmente nos centros de saúde, pero tamén no servizo de urxencias e nos Puntos de Atención Continuada.

Por este motivo, dende o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense leva a cabo un plan de continxencia “para facer fronte a ese posible aumento de afluencia nos diferentes hospitais e centros de Atención Primaria da Provincia”, dixo o Xerente da EOXI ourensá, Dionisio López Vellido, que aproveitou a presentación de hoxe,  16 de novembro, para vacinarse contra a gripe.

Segundo os últimos datos achegados pola EOXI, na tempada 2016-2017 rexistráronse 120 ingresos hospitalarios -con gripe confirmada- nos tres hospitais ourensáns (CHUO e os comarcais de Verín e Valdeorras), cunha media de idade entre os 65 e os 70 anos, e producíronse 12 falecementos. De todos eles, a pesares de formar parte dos grupos de risco, tan só a metade estaban vacinados.

Por este motivo, os servizos de Admisión, Hospitalización a Domicilio, Medicina Interna, Medicina Preventiva, Microbioloxía, Neumoloxía e Urxencias organizaron este plan de continxencia que contempla tres aspectos clave, segundo explicou o Director de Procesos de Soporte, José Antonio Ortigueira. Eses aspectos pasan pola Prevención “para limitar a incidencia da enfermidade”, dixo o doutor, que pasa pola vacinación por eses grupos de risco, profesionais e coidadores, pero tamén por profesións clave e de difícil reemplazo, como as forzas e corpos de seguridade, profesores, bombeiros, etc. Asemade, “de aplicar medidas preventivas como a hixiene de mans, que é fundamental”, dixo o doutor Ortigueira, así como o uso de equipos de protección individual como máscaras ou luvas.

Dionisio López aproveitou a ocasión para vacinarse contra a gripe. // Foto: Carlos Asensio.

Outro dos puntos a ter en conta é, segundo explicou Antonio Ortigueira, a vixilancia e a monitorización da incidencia da epidemia da gripe a través do control epidemolóxico e a monitorización da actividade existencial, “o que permite facer un seguimento do reflexo e aumento da asistencia co progreso da epidemia”. Por este motivo, dende o CHUO teñen habilitadas diferentes áreas de expansión con máis campas “por se houbese un aumento drástico da gripe”. Así é todo, tanto Dionisio López como o doutor Ortigueira aseguraron que o obxectivo é “que os pacientes pasen o menos tempo posible no hospital e utilizar os recursos de Atención Primaria e Hospitalización a Domicilio” para así evitar que os pacientes collan outras infeccións no centro hospitalario.

Vacinación

A campaña de vacinación contra a gripe na provincia xa está activa e dende Sanidade apuntan que na provincia xa se vacinaron a 52.968 pacientes dos cales, 44.068, son maiores ou de 65 anos. Deles, máis do 65% maiores de 75.

Segundo indicou a secretaria de Procesos de Enfermería da EOXI, Dolores Sánchez, os resultados “son bastante bos”. De sempre, a provincia de Ourense tivo os mellores datos de vacinación con respecto á media galega. A pesares de todo, “seguiranse facendo promocións e actividades para incentivar á vacinación”, dixo a enfermeira. Neste senso, un dos obxectivos principais do Sergas é a vacinación do persoal sanitario “xa que España temos os peores resultados de vacinación en persoal”, declarou o director de Procesos, José Ortigueira. Por este motivo, o vindeiro mércores 22 de novembro instalarase un posto de vacinación na entrada do hospital ourensán.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button