A Escola de Verán “Miguel Ángel Blanco” do PP versará sobre o futuro do galeguismo

Esta cita política terá lugar os próximos 21 e 22 de xullo na Casa da Cultura do Carballiño e contará coa presenza de Amaya Fernández Angulo, secretaria xeral do PP vasco

Pablo Pérez e Cristina Romero.

A casa da cultura do Carballiño acollerá, os próximos 21 e 22 de xullo, a sétima edición da Escola de Verán Miguel Ángel Blanco do Partido Popular de Ourense, que este ano estará adicada o galeguismo como aposta de futuro e contará na clausura coa presenza de Amaya Fernández Angulo, secretaria xeral do PP do País Vasco. Unha cita formativa e de participación políticia para os cargos públicos populares de Ourense que nesta edición adquire unha especial importancia ao se cumprir o vixésimo aniversario do asasinato, a mans da banda terrorista ETA, do concelleiro popular de Ermua, tal e como destacaron esta mañá na presentación do encontro o secretario de organización do PP de Ourense, Pablo Pérez, e a portavoz do partido, Cristina Romero.

Na súa intervención Pablo Pérez subliñou que o nome desta escola “non só honra a memoria dun mozo, Miguel Ángel Blanco, senón de todo un símbolo da defensa dos dereitos fundamentais e a liberdade cidadá, que como vimos estes días non son quen de comprender aqueles que puxeron todos os atrancos do mundo ás homenaxes organizadas ao se cumprir vinte da execución do concelleiro”.

A escola de verán do PP, dixo o secretario de organización, está pensada como unha cita formativa e de participación política para os cargos públicos populares da provincia, “co obxectivo de potenciar o diálogo e achegar propostas que nos permitan manter o contacto directo coa sociedade, abordando temas que configuran a actualidade na axenda política e social”.

Nesta liña, engadiu Pérez, a sétima edición está dedicada o galeguismo “pero desde unha perspectiva de futuro na que ser galeguista nada ten que ver co nacionalismo e moito menos co independentismo, senón coa loita por mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, por defender o noso idioma e por facer unha terra atractiva para o investimento, xa sexa por parte dos emigrantes que desexen retornar ou mesmo doutros países”.

Relatorios e mesas redondas

A portavoz do PP, Cristina Romero, foi a encargada de detallar o programa da escola de verán, da que lembrou “é unha aposta persoal do presidente provincial, Manuel Baltar”.

A escola de verán, explicou a portavoz do PP de Ourense, comezará o venres día 21 coa intervención do presidente provincial, Manuel Baltar, e o secretario de estudos e pensamento galeguista e parlamentario autonómico, César Fernández Gil. Nesta xornada haberá dous relatorios. O primeiro deles, “O galeguismo coma fundamento dun discurso político maioritario”, correrá a cargo de Xesús Palmou Lorenzo, ex secretario xeral do PPdeG, mentres que o segundo será de Xosé Manuel Barreiro Rivas, portavoz do grupo popular no Senado, e tratará sobre “O espazo político do galeguismo nas cortes xerais”.

O sábado, día 22, a xornada comezará cunha mesa redonda que, destacou Cristina Romero, abordará en profundidade o galeguismo do século XXI e os novos retos para o futuro de Galicia. A mesa estará moderada por Miguel Santalices Vieira, coordinador de política autonómica do PPOU e presidente do Parlamento de Galicia, e nela participarán Pedro Puy Fraga, vocal do comité de dirección do PPdeG e portavoz do grupo popular no Parlamento de Galicia; Manuel Ruíz Rivas, alcalde de Ribeira; José Antonio Parente Camino, presidente provincial de Novas Xeracións; e o xa citado César Fernández.

A clausura principiará cun video de homenaxe a Miguel Ángel Blanco no vixésimo aniversario do seu asasinato e incluirá unhas verbas de Manuel Baltar e a intervención de Amaya Fernández, que ademais da secretaría xeral dos populares vascos tamén ocupa o cargo de vicesecretaria do PP de Vizcaya e maila presidencia da formación en Barakaldo, concello no que exerce de portavoz.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies