Ao compás de “Mambo nº 5” e entre palmas do público, boa parte del en pé, concluía o concerto que a Banda de Música do Barco daba no mediodía do 17 de setembro, no marco das Festas do Cristo.

A praza do Sagrado, escenario da actuación, quedábase pequena para acoller a multitude de persoas que se congregaban para escoitar a esta agrupación que dirixe Manuel Prada Ramos e na que tocan instrumentistas das comarcas de Valdeorras, Trives e tamén do Bierzo.

O concerto iniciábase con “Oye como va”, unha da novidades dun recital moi variado en ritmos e estilos. Nel non faltaban pasodobres como “Amparito Roca”ou “Fiesta en la caleta”, sons tropicais como os de “Moliendo café”, bandas sonoras como as de Flashdance” ou “Amarcord” ou un popurri de pezas de Abba. Un repertorio de máis dunha hora de duración no que non faltaban os bises solicitados por un público entregado.

Fotos: Carlos G. Hervella