Xosé Mosquera, profesor de Dereito Constitucional, lidera a candidatura de Compromiso por Galicia ao Parlamento pola provincia de Ourense

Xosé Mosquera Casero (1956) vive con paixón a política. Ligado a ela dende os 19 anos, esta é a terceira vez que concorre a uns comicios autonómicos, mais é a primeira que se estrea como cabeza dunha candidatura, xa que vai representando á provincia de Ourense. Estivo no Partido Galeguista e agora vai con Compromiso por Galicia (CxG), dous partidos que el entende que comparten “as mesmas notas”. É profesor de Dereito Constitucional no campus universitario de Ourense e compaxina a docencia coa xefatura do servizo de Intervención na Deputación. Cre que a sociedade necesita cambios e aposta por mobilizar á mocidade de cara a efectuar esa “transformación”, sempre coidando por igual o rural e o urbano.

Como están a levar a campaña nestes últimos días?
Estes días están indo ben. Nós sabemos que imos cunha forza relativamente nova, porque ten escasamente catro anos, e que desta vez apostou de maneira clara e decidida por concorrer co seu proxecto a estas eleccións, e nesa dirección é na que imos. Ademais hai outra característica relevante, que é que esa aposta aquí en Ourense se complementa co feito de que até o número 10 da lista, o 50% está formada por menores de 30 anos. É así porque entendemos que os mozos teñen o maior interese por conseguir tratar de realizar un futuro mellor para eles cando xa están a punto de iniciar a etapa de madurez na vida. O seu impulso e o seu ímpetu son necesarios para producir unha modificación das estruturas da sociedade, que levan moito tempo anquilosadas.

E no outro 50% que criterios conflúen?
Conflúe maioritariamente o criterio de home-muller. Neste caso, a organización nacional e os militantes de aquí decidiron que eu concorrera como candidato, e a partir de aí configurouse unha candiadtura na que homes e mulleres van seguidos, co sistema de listra cremalleira, para dar a sensación de que a sociedade é plural e diversa e con problemas de toda índole.

O candidato de CxG representará a provincia de Ourense nos comicios do vindeiro domingo.

O candidato de CxG representará a provincia de Ourense nos comicios do vindeiro domingo.

Que supón para vostede liderar este proxecto en Ourense?
Supón plasmar a idea de país que eu teño dende os 19 anos, cando me incorporei ao Partido Galeguista aquí en Ourense. Eu xa estaba na universidade e xa me interesaban as cousas do país, así que tratei de entrar en contacto coas persoas dese partido aquí en Ourense. E con ese partido concorrín por primeira vez nas autonómicas do ano 1981.

Toda unha vida ligada á política.
Levo e non levo porque non sempre estiven no primeiro plano disto. Tampouco nese momento estaba no primeiro plano, era unha persoa que colaboraba na candidatura. O protagonismo na candidatura correspóndeme agora. Antes estiven no Partido Galeguista e agora en Compromiso por Galicia, que é un proxecto galeguista, progresista e socialdemócrata; é dicir, as mesmas notas do que era o PG, así que non cambia nada. E polo medio, sempre algunha tentativa de consolidar un proxecto para este país. Evidentemente, a min que non me veñan buscar nin o PP, nin o PSOE, nin Ciudadanos para deixar as cousas claras. Aquí non atoparán resposta nunca (ri). Pero sempre encontrarán unha colaboración, porque entendo que a construcción do país é unha cuestión plural, con distintos enfoques, e hai que sumalos todos para que a relevancia de Galicia no conxunto español sexa un elemento que tire de algo que aquí non ten o eco que debe ter.

E que papel entende que debe xogar a provincia de Ourense no contexto galego?
É un punto de inflexión no proxecto galego. As forzas políticas de carácter estatal miran o proxecto galego atendendo exclusivamente a un criterio numérico de votantes, é dicir, potenciando o eixo atlántico. E que queda para Lugo e Ourense? As migallas. Fomos Rexión Obxectivo 1 e non se compensou esa situación de desventaxa económica do interior. Nin se ve que isto se teña en conta cara o futuro. CxG pon isto en riba da mesa. Eu non recoñezo un país onde está por unha banda o eixo atlántico e, pola outra, a Galicia interior. Hai que ir cara un modelo que se pareza ao holandés ou o alemán. Se seguimos potenciando a acumulación de persoas no urbano, despois danse conta de que non hai traballo para eles e mándanos nun voo barato de Ryanair para a emigración.

Mosquera é a terceira vez que concorre a unhas eleccións ao Parlamento de Galicia.

Mosquera é a terceira vez que concorre a unhas eleccións ao Parlamento de Galicia.

Que sectores serían clave para recuperar esa poboación que se está a perder nesta zona de interior?
Hai que tratar de fixar poboación no rural cunha ordenación racional do territorio e das infraestruturas de comunicación. Falo, por exemplo, do tren Avant que nos comunica con Santiago e coa Coruña, que fai o percorrido nunha hora e oito minutos dende Ourense. Sen embargo, toda a comarca do Carballiño ten un tren que aínda tarda dúas horas en chegar a Santiago. Entón, deberiamos facer unha incorporación puntual do territorio interior, que pode ser en torno á comarca do Carballiño, por ser máis cercana, co que o traxecto duraría 10 minutos máis pero integraría ao territorio de maneira relevante. Deste xeito, a xente podería seguir vivindo no entorno do rural. E se desaparecen os servizos sanitarios e educativos, voltamos a empuxar á xente cara as cidades.

Hai quen rexeita ese modelo por ser moi custoso.
Claro que é moi custoso. Reverter unha tendencia é custoso. Pero precisamente, como fomos Rexión Obxectivo 1, hai que investir recursos para darlle a volta. Despois tamén hai que analizar de que podemos vivir aquí. Podemos buscar a comercialización e a exportación de productos ecolóxicos da zona como o viño, a lousa de Valdeorras, que agora está semiadormecida, a castaña e os seus derivados, ou a mel, que está moi pouco explotada. Ademais, hai que conseguir que a xente do rural aproveite os seus montes de xeito racional para que se produza unha valorización deses terreos. E de paso combatemos os lumes. É dicir, coidar os montes tamén no inverno coa limpeza.

Algunhas destas propostas tamén son a bandeira que defenden outros partidos que tamén entenden Galicia como país propio. Cal é o elemento diferenciador que aporta CxG?
Poida que estas propostas as asuman, pero tamén levan na mochila algo que eu creo que, neste momento, para as persoas, non lle ten interese. Interésalle o desemprego, a súa situación económica ou que vai pasar cos seus fillos cando rematen os estudos, pero o tema da independencia non lles preocupa nada. E hai outro matiz: nesa organización non podemos dirixirnos aos emprendedorese e aos empresarios. E creo o país constrúese co traballador e co empresario e hai que harmonizar un país equilibrado. E logo hai outro proxecto, a Marea, pero creo que iso é un rebumbio que no interior nin podemos calificalo. As mareas son alá na costa. Aí hai xente que defende propostas que poden ser parecidas ás nosas pero hai outras que non teñen nada que ver con nós, que están dirixidas dende a Universidade Complutense de Madrid para un obxectivo concreto: tratar de implantar unha forza que persigue un proxecto de Estado onde este territorio estaría subordinado a el. De todos os xeitos, nas xerais de decembro, nós defendiamos que nas grandes políticas do Estado formaramos parte dunha candidatura conxunta para que o país tivera unha única voz. Pero finalmente non sucedeu porque uns e outros tiñan os seus obxectivos.

Que percepción están a ter da xente durante a campaña?
Unha, que é moi palpable, que están até as narices porque levan votando dúas veces e non teñen goberno. Pero se aquí sucede iso, nós estaremos para falar dende o primeiro día. E non estamos presituados nunha posición política. Plantexaremos o noso proxecto e estamos dispostos a falar con todos. Outra cousa é que algún queira rectificar a súa política dos últimos sete anos e outros probablemente teñan máis facilidade de sumarse ás propostas nosas. E, dende logo, estaremos abertos a chegar a acordos dende o primeiro día porque me parece unha indecencia ter un país sen goberno durante nove meses. E outra cousa que percibimos é que a xente non sabe xa se son as xerais ou as autonómicas, e coas enquisas, dalgún xeito queren conformar a vontade do elector. Por iso nós estamos facendo unha apelación ao elector mozo que diferencia claramente as opcións, que pode albiscar unha construcción racional e onde se lle invita á participación. E non como fan outros que fan primarias e despois non as respectan.

Xogan tamén a ser chave nestas eleccións?
Non, xogamos a ter o noso proxecto aí. Pero se resulta que os nosos representantes son chave para formar unha maioría, estará o proxecto de CxG enriba da mesa para escoitar a todos.

Dentro das quinielas electorais, que representación cren que obterá CxG en Ourense?
Dependerá do movemento da mocidade pero aspiramos a ter representación nese Parlamento. Sabemos que é un feito difícil porque o noso exército é de persoas que transmiten racionalidade e os grandes grupos traballan coa emotividade. Con racionalidade constrúese unha sociedade para o futuro; con emotividade non se fai nada que sexa sólido. Se nos quedamos sen representación, seguiremos traballando igulamente no que cremos.

Un momento do mitin central de CxG en Ourense, celebrado onte no Teatro Principal.

Un momento do mitin central de CxG en Ourense, celebrado onte no Teatro Principal.

Son relativamente recentes como formación pero xa tiñan unha liña precedente no Partido Galeguista e sen embargo semella que a súa mensaxe na sociedade cala con lentitude. Que cren que pasa, a diferenza doutras opcións que irrumpen con máis forza?
Hai un deseño do sistema para que irrumpira un determinado partido e o outro. No Estado alguén deseñou primeiro un elemento que puidera dividir o voto do PSOE e conseguiuno. E ademais, que supuxera tamén un elemento de competencia cos grupos nacionalistas nos territorios do País Vasco e en Cataluña. E deulle cancha nos medios. Aglutinaron o descontento tras o 15M e potenciárono. Pero é un deseño dos que pensan no sistema para que iso se produza e ten a súa colaboración. No caso de Ciudadanos, o mesmo. Se o PP se cae, ten que haber un grupo que poida resolver o problema. Iso deseñárono co PP cando se caíu a UCD. E aquí en Galicia non hai vontade de facer outra cousa. É máis, o territorio galego lévase utilizando como tapón de calquera movemento galeguista ou nacionalista que puidera estenderse a outros territorios. Pois nós somos os que imos contra ese sistema. E indo contra ese sistema e non tendo a colaboración do mesmo, o crecemento é lento. De todos xeitos, esperamos dar un paso adiante nestas eleccións e logo, o seguinte será nas seguintes municipais, onde agardamos que o proxecto se consolide defintivamente nas cidades. Neste esforzo gastamos tempo, diñeiro e as nosas posibilidades pero cremos que é o proxecto que Galicia necesita. Se os galegos non se suman a el, realmente será unha decepción para nós. Pero cremos que hai posibilidades.

Texto e fotos: Sara Fontenla.