O Concello do Barco de Valdeorras homenaxea este ano á pulpeira que elaborou o xantar da festa gastronómica durante quince anos

Materia prima de calidade, o punto de cocción e o aderezo: bo pementón e bo aceite. Son as claves que marcan a diferenza nun prato de pulpo á feira. Así o asegura Obdulia Fidalgo máis coñecida como Lula, a metade da empresa de pulpeiros que rexenta xunto ao seu home, Francisco Piernas.

Natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras), Lula entrou en contacto co mundo do pulpo cando casou hai xa 36 anos. “Aos tres anos xa comezamos co negocio que tiñan os meus sogros, de feito nós somos a terceira xeración de pulpeiros”, di, engadindo que aprendeuno todo da súa sogra, Erundina Rodríguez, quen levou o peso do negocio durante os anos que o seu home estivo en cadeira de rodas, deixándoo pouco a pouco ata que só facía a feira do día 6.

 

Lula co pulpo nunha festa ao aire libre en Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

Lula co pulpo nunha festa ao aire libre en Valdeorras. /Foto: Carlos G. Hervella.

Cando Francisco e Lula se fixeron cargo da pulpería, o que facían basicamente eran tamén feiras, pero co tempo foron ampliando o ámbito de actuación, e agora preparan pulpo para diferentes eventos, dende festas ou celebracións especiais ata vodas, estas últimas con moita demanda, e aí serven o pulpo para o aperitivo pero tamén poden chear a organizar todo o convite. “Enlaces nos que servimos o aperitivo temos moitos, especialmente a partires da primavera, e poden contratarnos dende calquera parte de España, pero tamén organizamos tres vodas ao aire libre en Casaio, no San Gil Vello; en Vilariño de Conso; e en Valtuille de Abajoo no Bierzo”, lembra con cariño e satisfacción.

E con respecto ao servizo de pulpo á feira van onde os chaman, destacando os mil quilos que coceron nunha ocasión para o Concello de Ortigueira, o aperitivo que prepraron hai tres anos en Puerto Real (Cádiz), sobre unha plataforma no medio do mar para a inauguración dunha ponte, ou os 800 para a inauguración do Parque Rey Ordoño no centro de León, “a xente levaba pulpo ata nos vasos”, lembra Pero Lula e Francisco non só aumentaron o ámbito de actuación, senón tamén os produtos que elaboran, dende carne ao caldeiro ata churrasco e incluso cabrito ao espeto “depende do que nos pida a xente”. De feito ela tamén foi a cociñeira de case todas as edicións da Festa do Codillo da Rúa e sobre todo, da do Botelo do Barco.

Lula con José Ángel na Festa do Botelo de 2015. /Foto: Carlos G. Hervella.

Lula con José Ángel na Festa do Botelo de 2015. /Foto: Carlos G. Hervella.

Durante quince anos Lula foi a encargada de elaborar o xantar que co tempo foise convertendo no emblema gastronómico da vila, traspasando as fronteiras comarcais e chegando a acadar o título de Festa de Interese Turístico de Galicia. “Cando decidiron facer a festa viñeron xunto a min o alcalde, Alfredo García e o concelleiro de Cultura Eduardo Ojea e dixéronme que tiña que cocer botelos, patacas e verdura para 400 persoas… Era a primeira vez que o facía para tanta xente e foi toda unha aventura que saíu de marabilla”, lembra a propia Lula. Tan ben saíu que do pavillón vello da primeira edición tiveron que pasar ao do Condesa de Fenosa onde se fixo durante moitos anos, xa para 800 persoas. “Aí tiñamos que preparalo todo o mesmo día da festa porque o día anterior os nenos tiñan que dispoñer do pavillón”, explica a cociñeira. Ata que instalaron a calefacción no pavillón de Calabagueiros, onde se celebra dende hai xa uns anos, con máis de mil comensais chegados dende diferentes puntos da comunidade.

Botelo recén preparado. /Foto: Carlos G. Hervella.

Botelo recén preparado. /Foto: Carlos G. Hervella.

Por ese labor desenvolvido a prol do botelo e pola súa traxectoria no ámbito da gastronomía barquense, Lula Fidalgo recibirá a mención de honra da Festa do Botelo deste ano. “Pola súa implicación durante tantos anos, consideramos que o merece”, adianta a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. O acto celébrase este sábado 21 de xaneiro a partires das 12:30h. no Teatro Lauro Olmo, xunto ao pregón que dará o pistoletazo á celebración, con actos durante toda a fin de semana.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.