Carlos Blanco e Luís Davila será os pregoeiros desta edición da Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebrará o vindeiro sábado 21 de xaneiro

O luns día 16 de xaneiro ás 17 horas  poranse á venda, na billeteira do Teatro Lauro Olmo, as entradas para o xantar do XVII Festa do Botelo . Así o notificaban dende o Concello do Barco de Valdeorras só dous días antes de que a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, presentase o programa deste ano da Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebrará o vindeiro sábado 21 de xaneiro no pavillón de Calabagueiros.

Ese será o acto central dun programa meticulosamente elaborado dende o Concello, co que están “moi ilusionados e con ganas de que todo saia segundo o esperado que a xente disfrute como se merece esta festa”, dixo a concelleira adiantando que o formato será o mesmo do ano pasado pero eliminando certas actividades como o encontro de blogueiros, “porque cónstanos que haberá unha xuntanza noutro momento e tampouco queremos saturar”.

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación da XVII Festa do Botelo.

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación da XVII Festa do Botelo.

O xantar, que comezará en torno ás dúas da tarde, será o prato forte dunha serie de actividades complementarias de promoción da festa, do botelo e do Barco de Valdeorras, que arrancará o 15 de xaneiro coa emisión do programa “Come e fala” da Radio Galega que adicará unha hora á festa. As seguintes citas serán a venda de entradas o día 16 e a proxección do filme “Viaxe a Italia” en colaboración co Cine Club Groucho Marx, o 19 de xaneiro ás 20:30h. no Teatro Lauro Olmo.

O día grande da festa, o sábado 21, o programa abrirase coa inauguración da Feira de Produtos Gastronómicos. Un total de 14 empresas instalaranse baixo unha carpa na praza Andrés de Prada tanto o sábado como o domingo. Nese mesmo punto, en torno ás catro da tarde do sábado, emitirá o programa da TVG “Aquí Galicia”.

Deseño das camisetas promocionais que se porán á venda o sábado 21 de xaneiro no pavillón de Calabagueiros.

Deseño das camisetas promocionais que se porán á venda o sábado 21 de xaneiro durante o xantar, no pavillón de Calabagueiros.

Ás 12:30h. terá lugar no Teatro Lauro Olmo o pregón que correrá por conta do actor Carlos Blanco e do debuxante Luís Davila (autor do cartaz da festa). O acto incluirá a actuación do Orfeón Valdeorrés e a mención de honra a Obdulia Fidalgo, “Lula a pulpeira, non só pola súa traxectoria gastronómica, senón pola súa vinculación coa Festa do Botelo”, en palabras da concelleira. Dúas horas despois terá lugar o xantar no que se poderán degustar 755 quilos de botelo e viño de adegas Roandi.

Servindo o botelo na anterior edición da festa gastronómica.

Servindo o botelo na anterior edición da festa gastronómica.

A Festa do Botelo inclúe asemade a segunda edición dos Cantos de Taberna coa actuación se seis agrupacións o sábado pola tarde, e o espectáculo “Menú da Noite” a cargo do dúo de pregoeiros, previsto para o domingo ás 19:30 horas no Teatro Lauro Olmo.

Fotos: Carlos G. Hervella.