Luis Villares, candidato por En Marea á presidencia da Xunta de Galicia

Leva semanas percorrendo Galicia. Comezaba en agosto explicando o proxecto de En Marea e co proceso de primarias. Despois, coa precampaña e, agora, coa campaña electoral. En cuestión dun mes Luís Villares Naveira (Lugo, 1978) visitaba en dúas ocasións Valdeorras como candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia. Na súa segunda, facíao para participar no mitin que se celebraba na tarde do 18 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Alí este xuíz, que vén de dar o salto á área política, explicaba o proxecto de En Marea, un partido que “está do lado da xente  e dos seus dereitos fundamentais. O noso ADN é a xustiza social”, subliña. Ademais asegura que “das 15 medidas urxentes que tomaremos cando cheguemos á Xunta, a primeira será un decreto de garantías sociais mínimas para garantir que todo o mundo teña tres cousas: vivenda, pan que levar á mesa e enerxía eléctrica”. Outra delas será, na loita contra a corrupción, “a aprobación dunha lei galega de lobbies para que todo o mundo saiba qué tipo de empresas intentan negociar, influír no goberno para facer as leis”.

En Marea, di Villares, defende “un plan galego de mobilidade que reestruture mellor as comunicacións” e a “comarcalización de servizos para que as provincias de Ourense e Lugo non queden atrás e o noso rural non esmoreza, para que todo o mundo, con independencia do lugar onde viva, poda acceder nunha distancia e nun tempo razoable aos servizos básicos de educación, de sanidade, de servizos sociais”. E propón “políticas activas de emprego, estimulando aos sectores fortes da economía de cada unha das comarcas para que todos podamos todos vivir con dignidade na nosa propia terra sen ter que emigrar”. E con respecto a Valdeorras indica que “a grande dependencia que unha comarca coma ésta ten do sector da lousa ten que ser compensada co establecemento de novos sistemas produtivos para evitar que nos momentos de maior crise económica ou de maior crise da construción, que supoñen menos demanda de lousa, podamos ter unha alternativa económica para que a xente non teña que buscar emprego fóra”.

O candidato á Xunta de Galicia por En Marea nun acto público celebrado no Barco.

O candidato á Xunta de Galicia por En Marea nun acto público celebrado no Barco.

En canto á posibilidade de pactar no caso de que non haxa maioría absoluta do PP, apunta que en Marea garantizará “un goberno alternativo ao PP, foi un erro que no Estado español non se fixese ata agora, e nós garantizamos que aquí non se vai cometer ese erro. A dinámica política galega demostrará o día 25 que é posible construír alianzas entre as forzas opostas ás políticas de sufrimento do PP”.

Son as súas primeiras eleccións, ás que se presenta ademais como candidato á presidencia da Xunta, ¿que o ten impulsado a deixar a súa carreira xudicial e a entrar en política?
A razón fundamental é o compromiso. Teño un compromiso social que durante moito tempo desenvolvín na miña carreira. Ao longo dese tempo fun vendo inxustizas que chegaban ao xulgado e que requerían unha solución que non sempre podiamos dar nos tribunais porque ás veces as propias leis eran inxustas e non nos permitían dar unha solución satisfactoria, aínda que soubesemos que a xente tiña razón nas súas demandas. Moita xente viviu durante este tempo desamparada por unhas circunstancias ou por un sistema económico, por unha situación de crise que eles non causaran e ademais vían que eles non estaban amparados polos demais poderes públicos. Entón esa era unha primeira idea, non todo se pode cambiar dende o xulgado é necesario cambiar leis, e para iso hai que estar noutra onda, na onda política. E, en segundo lugar, tamén como consecuencia de traballar na xurisdicción contencioso-administrativa puiden ver que ás veces a dirección política da Administración pública non actuaba en defensa dos intereses xerais, senón en defensa doutros intereses diferentes. Foi esa dobre convicción, por un lado de que había leis inxustas, e por outro lado de que había actuacións da Administración, polo tanto do goberno galego, que eran contrarias aos intereses sociais, a que me fixo pensar que a política podía ser o campo. E despois, en paralelo a todo isto, estaba a Marea como proxecto político que estaba moi afincado en Galicia porque proxectaba un proxecto que pensaba en clave de país e fortemente comprometido coa xustiza social e coa democracia. Iso fixo que este proxecto me seducise e por iso dedicín dar o paso.

¿Cales son as liñas básicas do programa de En Marea?
Unha delas é a construción dun proxecto nacional para Galicia, é dicir, necesitamos concebir todas as políticas públicas tendo en conta que Galicia é unha nación e iso significa pensar no seu conxunto e saber  que temos uns lazos que nos unen, que temos vontade de ir xuntos e que somos comunidade. E iso implica que a solidariedade entre cidadáns e cidadás debe ser algo que inunde toda a política pública. E a segunda liña é, precisamente en relación con esta solidariedade dentro do marco de convivencia e da nación, o exercicio da xustiza social. E, ¿que significa para min a xustiza social? Actuar en pro da distribución da renda e da riqueza para que todo o mundo teña as mesmas oportunidades. Iso significa repartir mellor e entender que Galicia é unha gran familia e non unha empresa como pensa Feijóo, e sendo unha gran familia non podemos deixar a ninguén atrás. Estas son as dúas liñas nas que eu baseo tamén os valores da Marea que creo representar.

Luís Villares, intervindo no mitin celebrado no Barco o 18 de setembro.

Luís Villares, intervindo no mitin celebrado no Barco o 18 de setembro.

¿Estase a referir ao desequilibrio entre a Galicia interior e a Galicia atlántica?
Si, ata agora os gobernos non concebiron a Galicia como un país na súa totalidade. País somos todos, vivamos no interior, na costa, no urbano ou no rural, entón ese é un vector fundamental. Eu téñoo clarísimo porque son de Lugo. O rural é un mundo que non ten o apoio dos poderes públicos para seguir adiante. Nós estamos convencidos de que vivimos nun país riquísimo, e a primeira das súas riquezas é a das súas xentes. En segundo lugar ten potencial para vivir ben, sen embargo vive empobrecido por unhas políticas antisociais e absolutamente abandonadoras por parte de Feijóo dunha parte importante de Galicia: a interior e a rural. Nós non queremos vivir subvencionados, senón producindo, pero para iso tamén necesitamos que o goberno galego apoie decididamente a todos os sectores produtivos e á xente, con independencia da zona onde viva. Por iso os que vivimos en zonas máis despoboadas ou temos un contacto máis estreito co mundo rural, témolo clarísimo. Esa foi tamén unha razón pola cal eu me decidín a candidatarme pola provincia de Lugo e non pola da Coruña, eu son de Lugo, tiven unha parte da miña traxectoria profesional e vital nesta provincia, e aínda que agora traballaba na Coruña, quixen tamén escenificar con isto un cambio de política na nosa organización. Queremos ser diferentes tamén a todos os demais e apostar, primeiro, pola autenticidade do que somos o cal significa que se un é de Lugo, debe presentarse por Lugo. Ademais queremos escenificar a aposta polo equilibrio territorial, a aposta pola solidariedade entre todos os territorios.

 

Luís Villares, xunto aos candidatos por En Marea na provincia de Ourense, no Barco.

Luís Villares, xunto aos candidatos por En Marea na provincia de Ourense, no Barco.

Outra das singularidades que teñen caracterizado a En Marea nestas eleccións ten sido o seu proceso de primarias…
É totalmente democrático e horizontal. Acusábannos de batiburrillo ou de moito ruído, de moitas listas, pero iso é a democracia. Fronte a iso temos o baltarismo, a herdanza de cargos de pais a fillos. Aquí non, aquí todo o mundo pode postularse a calquera cargo e pode facelo porque a democracia interna é total.

¿Como valora a integración in extremis de Podemos en En Marea?
Podemos integrouse en canto os seus órganos internos decidiron iso, entón nós respectamos os tempos de cada organización. Outras chegaron antes neste proceso e por iso estaban o día 30 e outras chegaron dez días despois, é dicir, que a diferenza de tempo foi escasa. E unha vez que quedaron integradas son compañeiras máis da confluencia. Dentro desta confluencia non hai Podemos, non hai Anova, non hai mareas, simplemente somos todos Marea galega.

En Marea nace con vocación de goberno…
Dende o primeiro momento dixemos que En Marea naceu para gobernar non para estar na oposición, cun proxecto que quere canalizar politicamente a hexemonía social. Somos xa hexemonía social e queremos ser hexemonía política, e polo tanto, dicímolo claramente vimos aquí para gobernar.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella