Eladio Fernández Vázquez, fundador e cabeza de lista pola provincia de Ourense de Vía Nova Galicia

 

Son xa dúas décadas ás que Eladio Fernández Vázquez  (Punxín, 1958) leva no mundo da política, en diferentes siglas. Sen embargo neste ano, poñía en marcha un novo proxecto de ámbito galego: Vía Nova Galicia. Este partido, que se presentaba en maio deste ano, concurrirá por vez primeira a unhas eleccións o vindeiro 25 de setembro e farao con dúas candidaturas: unha pola provincia de Ourense, que encabeza o propio Eladio Fernández, e outra pola da Coruña, con Carmen Rodríguez como número un. “Vimos para quedarnos en Galicia. Presentámonos nestas eleccións por primeira vez, pero sabemos que un proxecto necesita tempo para crecer.  Nós imos poñer a semente, sabemos que Galicia é boa terra para poñer un proxecto de centro e galego e que vai loitar por un goberno enteiramente galego. E se facemos as cousas ben, vai xerminar”, comenta o seu presidente e candidato por Ourense.

Di que se vive un momento de cambio, “tamén na política. E a política é moi importante porque pode transformar as cousas”. Eladio Fernández tamén incide en que Vía Nova Galicia avoga “pola liña económica e por unha liña social e tamén a sociedade ten que participar máis, as sociedades máis avanzadas son moi participativas”. E adianta que este partido pensa xa nas vindeiras eleccións municipais. “Agora nos comicios galegos saímos por dúas provincias, pero nas municipais estaremos xa por toda Galicia”.

¿Que é Vía Nova Galicia?
É un proxecto político enteiramente galego, de centro, reformista, para unha nova política e un novo tempo. Nós non poñemos en dúbida a integridade do Estado español e somos tremendamente europeístas, pero entendemos que hai unha franxa de galegos moi maioritaria, que podiamos entender de centro, que non está representada en Galicia. E necesítase esa franxa moderada para defender a esencia do pobo galego, a nosa identidade e un proxecto económico de futuro que permita que os nosos fillos, se queren, deixen de emigrar. Esta comunidade ten potencialidade suficiente, ten personalidade, ten xente preparada para ter un proxecto integramente galego e que tire por Galicia. Necesítase un goberno galego porque os que houbo ata agora foron e seguen sendo sucursais do goberno de Madrid. Vía Nova quere parecerse a como somos os galegos. Eu veño do movemento social, presidín Cogave (Confederación Galega de Asociacións Veciñais), e sei perfectamente como somos os galegos. Vía Nova pretende un liderazgo forte, de moita unidade para comezar a camiñar cara o futuro e cambiar a situación de languidecemento económico e social que se vén producindo en Galicia dende hai demasiado tempo.

Eladio Fernández, xunto a outro compañeiro da candidatura, na entrevista do Periódico O Sil.

Eladio Fernández, xunto a outro compañeiro da candidatura, na entrevista do Periódico O Sil.

¿Como é a candidatura que Vía Nova presenta pola provincia de Ourense?
A xente que vai nela carece de experiencia política, agás no meu caso. Pero ten a experiencia que eu quero para a política, xa que non quero políticos de oficio. Iso lévano outros, que saltan dun posto para outro, e levan así 40 anos. Eu quero xente da rúa, que coñeza os problemas, que necesitan levantarse á mañá e traballar para poder chegar a fin de mes. A min os políticos funcionarios e os que nunca sufriron para manter á súa familia non me interesan.

¿Na lista están representadas todas as comarcas da provincia?
Intentamos ter alguén de todas as comarcas, pero máis que representar comarcas, intentamos ter persoas que coñezan os diferentes sectores económicos e sociais de Galicia. Contamos con persoas da construción, autónomos, profesionais liberais… O que buscamos son distintas visións de xente de diversos ámbitos para que complementen nunha mesa o que necesitamos á hora de buscar solucións aos problemas. Se todos somos dunha comarca e cunha profesión parecida non nos enriquecemos. Así o fixemos na provincia da Coruña tamén.

O número un de Vía Nova asegura que este novo proxecto político "vai xerminar en Galicia".

O número un de Vía Nova asegura que este novo proxecto político “vai xerminar en Galicia”.

¿Como se plantexan a campaña en canto a actos? ¿estanse movendo polas diferentes comarcas?
Si. O plantexamento dos 15 días de campaña é diferente na primeira semana e na segunda. Como somos un partido que acaba de nacer temos que ter unha óptica visual, entón na primeira semana fixemos unha campaña de cartelería, chegando a todos e cada un dos concellos de Ourense: grandes, pequenos e medianos, porque para nós todas as persoas son iguais. E a segunda semana deixa esa visión de cartelería e pasa á rúa xa sexa no Barco, no Carballiño, en Verín… para estar cos cidadáns e aproveitar os puntos clave para estar repartindo folletos da nosa visión como partido e tamén con megafonía… Buscamos ese contacto máis directo coa cidadanía.

¿Que receptividade está tendo o seu proxecto?
Boa, moi boa, pero esta sociedade ten medo, foi acostumada así. Temos que traballar e facer política pouco a pouco. O que fai as cousas ben e traballa sempre consegue beneficio e estou seguro de que a semente que estamos plantando plantámola nunha leira fértil e vai xerminar.

¿Que visión ten do Barco e da comarca de Valdeorras no marco da provincia?
Creo que hai zonas de Ourense que dende hai moito tempo estiveron deixadas da man de Deus. O caso do Barco é moi inxusto, os políticos veñen aquí practicamente só en eleccións. Pódolle dicir que os ourensáns non teñen ese sentimento de que O Barco é parte fundamental da nosa economía, e da nosa provincia, realmente é inxusto. A lousa de Valdeorras é o que fai medrar as exportacións de Ourense, pero iso non se ten en conta. O mangoneo que se produce coas infraestruturas do Barco é lamentable, ano tras ano, eleccións tras eleccións, están enganando. O Barco leva moito tempo sen un liderazgo político de verdade, veñen na busca votos e nada máis. Hai zonas estratéxicas que tiran da nosa provincia e unha delas é O Barco, e logo están A Limia e a zona industrial de Ourense. Temos que tirar por todas as zonas, pero sobre todo por aquelas que teñen potencialidade.

Eladio Fernández e Jaime José Folgoso Cuquejo, número tres da candidatura, cun dos cartaces de Vía Nova Galicia.

Eladio Fernández e Jaime José Folgoso Cuquejo, número tres da candidatura, cun dos cartaces de Vía Nova Galicia.

¿Pensa que a provincia de Ourense ten estado ben representada no goberno galego ou debería ter máis peso?
Ourense nunca estivo ben representada no goberno galego. A Ourense do goberno galego só veñen buscar votos e maiorías e, unha vez que os recollen, olvídanse totalmente. A provincia de Pontevedra ten maior poboación e peso económico, por suposto, pero en Ourense e Lugo vive o 25% da poboación galega e hai que darlle servizos, infraestruturas… Ourense ten que ter o trato que se merece, que nunca o tivo, nin Ourense nin Lugo, canto máis interior é a provincia, máis discriminación. Con Vía Nova Galicia non digo que teñamos unha discriminación coas outras provincias, pero queremos que se lle dea a Ourense o que lle pertence.

No caso de obter representación no Parlamento galego, ¿cara onde se orientarían á hora de formar goberno?
Nós queremos representar a esencia dos galegos, entón temos claro que se temos que axudar a unha opción veriamos qué pretenden facer con Galicia, qué nos poñen diante. Se entendemos que os nosos votantes e esa maioría que existe en Galicia é acorde con iso, nós daríamoslle o apoio. O que pretendemos é que Galicia tire para diante, e favoreceriamos eses gobernos que pensen nos cidadáns, nas nosas empresas e na nosa economía.

¿Canto tempo cre que debería ocupar un político un cargo público?
Se unha persoa se dedica de verdade á política, con catro anos un ten que estar esgotado porque supón 24 horas de servizo público. Os que queren máis de oito anos é que non se dedican á política, é que viven da política.

Texto: A.R.

Foto: Carlos G. Hervella.