O actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, abrirán a festa este ano, a partires das 12:30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco

Dúas son as novidades máis destacadas da XVII Festa do Botelo que se celebrará no Barco de Valdeorras o sábado 21 de xaneiro, e as dúas afectan ao pregón. Por unha banda, en lugar de un, este ano serán dous os pregoeiros, e por outra, por primeira vez non orixinarios da vila. Un paso máis na promoción da festa gastronómica fóra dos límites da comarca valdeorresa.

Nesta ocasión, o actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila serán os encargados de inaugurar a nova estapa desta celebración declarada no 2014 Festa de Interse Turístico de Galicia, ofrecendo un orixinal pregón “a unha voz e dúas mans”, explica o propio Carlos Blanco, actor e creador de múltiples espectáculos cuxa retranca e facilidade como monologuista serviralle para crear unha presentación das que se lembrarán durante moito tempo. E iso que non adoita aceptar este tipo de encargos. “Neste caso aceptei porque me propuxeron un pregón que nunca fixen e que me parecía moi especial, a dúo con Davila. Penso que será a primeira vez que se faga un pregón falado e debuxado simultaneamente. Luís vaino debuxar e eu vouno ler, polo que creo que se vai dar una situación singular”, di. Outra das razóns polas que decidíu aceptar é porque quere facer unha visita que ten pendente. “Coñezo Valdeorras e teño ido a moitos sitios, incluso ata Pena Trevinca porque aproveito as viaxes cando teño algunha actuación para ver lugares, pero nunca fun ao Teixadal de Casaio. Paréceme un lugar moi máxico polo que teño visto en fotos e faime ilusión visitalo. Levo moitos anos querendo ir e espero que desta volta poda facelo”, di.

O actor Carlos Blanco nunha actuación no Baranda, no Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

O actor Carlos Blanco nunha actuación no Baranda, no Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

Sen dúbida, o pregón que dará xunto a Davila é para Carlos todo un reto, aínda que asegura que para el o botelo non ten segredos. “Se non acepto normalmente ler pregóns é porque considero un pouco raro, que os pregoeiros saiban menos da festa que os que o escoitan, polo que supón para min un traballo duro de documentación, de coñecemento da zona, do que estou falando… Pero no caso do botelo algo sei, sobre todo que está moi bo. De feito hai un restaurante que cada vez que vou tenme gardado un para comer e outro para levar”, asegura entre risas. Con respecto ao contido do pregón, “fareino con calma, primeiro un boceto que irei retocando conforme se aproxime a data e probablemente o ensaiemos en casa de Davila, porque me gustaría que fose un traballo simultáneo, que o que eu conte el o vaia debuxando”, adianta. Algo que non lles resultará moi difícil xa que a conexión entre Blanco e Davila non é nova. De feito, dende hai dous anos participan de forma conxunta no espectáculo “Menú do día”, ampliando o repertorio con “Menú da noite” que traerán ata O Barco de Valdeorras, o domingo 22 de xaneiro ás 19 horas no Teatro Lauro Olmo.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Cartel do espectáculo que Carlos Blanco e Luís Dávila traerán ao Barco.

Cartel do espectáculo que Carlos Blanco e Luís Dávila traerán ao Barco.