O filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, falará dun xeito moi próximo e ameno de toponimia galega: os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial… pero tamén da propia de cada concello na charla “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, que organiza o Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, na Sala Valente (Antigo Banco de España) este xoves, 30 de novembro, ás 20:00 horas.
Os asistentes poderán coñecer de primeira man o significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; ou as utilidades desta ferramenta… Ademais, Feijóo mostrará unha aplicación que lle permitirá á veciñanza colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos (nomes de leiras, camiños, fontes, penedos…) como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos e todas poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial.