Entrevistas

“Estamos nuns niveis de volume encorado do 88,7%”

Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
O presidente da C.H. Miño-Sil.
O presidente da C.H. Miño-Sil.

Mentres o tempo dá unha tregua e cesa a choiva, dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil evalúanse danos e agárdase a que baixen os niveis dos ríos para acometer obras de reparación nos cauces. Este ten sido un dos invernos máis chuviosos dos últimos 15 anos, asegura o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín.

Tras as fortes chuvias de xaneiro e febreiro, ¿como están os cauces da conca Miño-Sil?

Nós o ano hidrolóxico contámolo de outubro a outubro, pero nestes dous últimos meses ten chovido xa case o 56% da precipitación media de toda a demarcación, contando ademais con que dende outubro ata mediados de decembro non choveu case nada. Dende o 15 de decembro ata finais de febreiro teñen pasado unhas doce borrascas e rexistráronse 24 días de intensas precipitacións. Isto supuxo que esteamos nuns niveis de porcentaxe de volume encorado do 88,7%. Isto supón que a capacidade de regulación é moi baixa porque os encoros están moi cheos. O ano máis chuvioso nesta mesma época dos últimos 15 anos foi o 2001, no que había un 89,5%, ou sexa que estamos a 8 décimas de acadar aqueles niveis. O 2013 tamén foi importante en canto a precipitacións, pero neste mesmo período estabamos ao 81% e a media dos últimos quince anos é do 72-73%, nos que o máis seco foi o 2002, cunha porcentaxe do 48,6%.

Os niveis que presenta hoxe a conca do Miño-Sil, ¿son similares aos doutras zonas de España?

Si. A reserva todal desta conca é do 88,7% (datos a 18 de febreiro), en Galicia Costa do 93%, no Duero do 89%, no Tajo do 73%, no Guadiana do 91%, no Guadalquivir do 89%, no Ebro do 82%, no Segura do 71% e no Júcar do 52%. En xeral, en España estamos nuns niveis moi por riba da media nesta época. Aínda ten que vir a primavera e aquí non están reflexados os hectómetros cúbicos de neve, que acaba por derreterse e van aos cauces. Nós temos evaluado que nas montañas de confluencia do Sil hai uns 100 hm3 de neve, que é moita auga. Cunha subida de temperatura e con chuvia, iso podería ser unha avenida.

As crecidas teñen producido tamén numerosos danos…

En toda a demarcación (que abrengue as provincias de León, Ourense, Lugo e o Baixo Miño) estamos facendo unha valoración de danos que, sobre todo, consisten nesa gran cantidade de árbores caídas e arrastradas polo río e por outro tipo de maleza, que levaron a que eses arrastres teñan invadido o cauce e mesmo nalgunhas infraestruturas de paso, de pontes, e que houbese taponamentos. Tamén a velocidade da auga afectou a algunhas marxes de ríos que poden afectar á súa vez a estradas, a infraestruturas viarias… Entón estamos evaluando danos co fin de que, cando baixen as augas un pouco, se podan facer xa algunhas obras de emerxencia para reparar eses danos.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de marzo do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button