EntrevistasÚltima hora

“Estas Festas do Cristo non foron mellores pero tampouco peores que as doutros anos”

A concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, fai balance do programa
Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorra, na redacción do Periódico O Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.
Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco, na redacción do Periódico O Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.

Cun pouco de todo e para todos os públicos. Así definía a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, o programa das Festas do Cristo 2016 na presentación oficial feita no mes de agosto. Un programa diferente “plural e con moita diversidade”, segundo as súas palabras, non exento de polémica entre a sociedade barquense que criticou especialmente a falta de máis orquestras.

Menos dunha semana despois dos sete días que duraron este ano os festexos (do 8 ao 14 de setembro), a concelleira fai un balance do que foron para ela estas festas, asegurando que “despois de analizalas (temos un informe moi completo con todas as cousas que funcionaron e as que non) penso que se non arriscas xamais te podes equivocar pero tampouco triunfar nalgo, e isto foi unha aposta da que tamén sacamos moitos aleccionamentos. A min gústame facer as cousas por min mesma e se me equivoco asumir os erros, pero polo menos intentalo, porque se sempre segues o mesmo camiño non podes valorar outras opcións”.

Nas Festas do Cristo 2015, as primeiras ao fronte da concellería de Cultura apenas houbera novidades con respecto ás anteriores, nembargante nestas o cambio foi notable, de contido, horarios e tamén ubicacións. ¿Como se elaboraron este ano?
O doado tería sido centrarnos nun programa preestablecido e non arriscar, pero decidimos intentar ter en conta a todas aquelas persoas que confiaron en nós cando lles solicitamos axuda para a súa elaboración. E despois fixémolo como pudemos tendo en conta os problemas cos ques nos atopamos e que o tempo se nos botaba enriba malia ter comezado xa en febreiro. Quixemos abrir o concurso para que calquera empresa de Galicia ou de fóra que estivera interesada en organizar as Festas do Cristo puidera facelo, pero ningunha das dúas que se presentaron cumprían cos requisitos polo que o concurso quedou deserto. Intentamos facelas coas propostas das dúas pero non chegamos a un acordo polo que ao final tivemos que sacar o programa en menos dun mes.

Parece que houbo malestar na poboación barquense e unha das decisións máis criticadas foi a eliminación das orquestras, deixando unicamente dúas e lonxe da fin de semana.
Eu levo aquí máis de vinte anos e nos últimos dez o único que se escoitaba cada vez que chegaba a data era “as Festas do Cristo son sempre igual, orquestras e máis orquestras e nada máis”. Este ano tamén foron sete días de celebración, unha circunstancia que se dá cada certo tempo, co comezo o xoves porque o pregoeiro non podía vir outro día, e tiñamos dúas opcións: ou aforrar de onde puderamos ou meter máis cartos, e nós entendimos que nunha época de crise onde a xente pasa moitas necesidades, era aberrante meter 15 ou 18 mil euros máis nunha orquestra o sábado ou o domingo. Pensamos que a xente o entendería se complementabamos esa programación con outro tipo de actividades facéndoas máis plurais, en función das diferentes idades, pero non funcionou. Ademais que os dous últimos días chovera tamén deslucíu un pouco pero por exemplo o Encontro de Food Trucks foi un éxito. A empresa deunos datos de 8.000 persoas que pasaron por alí e iso crea un movemento de xente.

A edil de Cultura estivo presente en case todas as actividades do Cristo, mesmo no Madrugón. /Foto: Carlos G. Hervella.
A edil de Cultura estivo presente en case todas as actividades do Cristo, mesmo no Madrugón. /Foto: Carlos G. Hervella.

Nembargante tamén foi criticado, neste caso polo sector hostaleiro.
Todas as críticas foron iniciais que entendo polo medo dos negocios, pero os hostaleiros cos que falamos despois das festas dixeron que nin mellor nin peor que noutras datas. A ver, no Barco o fluxo de xente é o que é, e dende un grupo da oposición publicaron un escrito no que facían especial fincapé neste tema pero eu non sei se lembran que na primeira comisión que houbo das festas  expliquei que non se lle ía cobrar especificamente ningún tributo ás food trucks porque se o cobraramos probablemente recaudariamos menos que a contraprestación que a empresa responsable deu ao Concello. Eles déronnos 2.000 euros en bonos que nós repartimos entre as festas dos piragüistas e a das pandillas e entre a xente de Protección Civil e outros colaboradores cos que temos deferencia. E ademais asumiron o custe da charanga do sábado, o karaoke do domingo, dous concertos, son, iluminación e palco. Foron uns 4.000 euros polo que nese aspecto creo que se negociou ben. Eu non quería rachar coa tradición de ceas e comidas cerimoniosas pero si innovar.

A xente tamén botou de menos as alboradas todas as mañás e o feito de que os pasarrúas que houbo non percorresen toda a vila como noutras ocasións.
Tivemos que axustar o presuposto xa que tentar sacar unhas festas a mediados de xullo é practicamente imposible e as alboradas son cartos, e máis para sete días. Pero eu teño a fórmula para o ano que vén: serán dous días menos e axustaremos máis as cousas. Quedounos claro que hai un sector da poboación á que non enganchamos, e foi da xente nova da que recibimos máis parabens. Era consciente de que podería haber críticas con relación ao das orquestras pero houbo música para bailar e quen quixo, bailou. Non obstante hoxe por hoxe non houbera escatimado eses 15 ou 18.000 euros. Con todo, preocupábame máis que houbera problemas técnicos que non houbo, e estou especialmente orgullosa do trato que tivemos cos técnicos e traballadores porque sen eles non se podería facer.

Incluso houbo críticas sobre a ubicación dos concertos e o feito de que non houbese algún grupo de renome.
Na praza Maior houbo actividades, tamén no Malecón e no campo da festa. Que non as houbera na praza Andrés de Prada foi porque os técnicos desaconsellaron esa ubicación por cuestións de son. De feito os concertos de La M.O.D.A., Novedades Carminha ou Smokey Blue no campo da festa soaron de marabilla. Para o futuro pediremos aos técnicos que nos busquen algún outro emprazamento para diversificar porque para nós foi moi dificultoso congregar as cousas no campo, houbo que axustar moito os horarios. Con todo, eu entendo que as Festas do Cristo desenvólvense ao longo do Malecón e pensáronse as ubicacións para que todo o mundo tivese acceso pero é como en todo, se o fas dun xeito mal e se o fas doutro mal tamén… Con respecto aos grupos, hai personaxes que eu nunca traerei aínda que saian en programas do corazón e convoquen a milleiros de persoas, creo que iso non lle corresponde ao departamento de Cultura. La M.O.D.A. por exemplo é un grupo que arrasou nos festivais nos que estivo, en Santander máis de 6.000 persoas, en Valladolid 9.000, e aquí non había nin máis nin menos que as que se poderían concentrar en Andrés de Prada.

Margarida Pizcueta na Festa das Pandillas á beira do río. /Foto: Mónica G. Bellver.
Margarida Pizcueta na Festa das Pandillas á beira do río. /Foto: Mónica G. Bellver.

¿Cal é a súa valoración persoal destas festas?
Eu non vou poñer nota ao meu traballo, non me parece lóxico, pero creo que non foron mellores festas pero tampouco peores que outros anos. Foi cuestión dun cambio que tiña dúas posibilidades: que funcionase ou que non funcionase. En cousas funcionou e no tema das orquestras non. Iso o que indica é que para o futuro non podemos prescindir delas, algo que non saberiamos se non nos arriscamos a quitalas. Para ser as miñas primeiras festas, porque as anteriores xa estaban planificadas, para min a valoración é positiva. Do informe que sacamos (técnicos, artistas, programadores,…), o erro foi substituír a orquestra do sábado que custaba moitísimo (porque non ía traer unha mala, de feito independentemente de que gustase ou non, ninguén me pode dicir que non houbo calidade), pola Verbena Galega que nos venderon como algo novidoso e atractivo pero aquí non funcionou.

Unha vez pasadas e analizadas, ¿cales serán os pasos a seguir?
Eu non vou facer caso da rumoroloxía (cheguei a escoitar que dimitira). Voume quedar co positivo non co negativo porque creo que non o houbo, e dimitir, por suposto que non. Non sei se cando pasen os catro anos de lexislatura seguirei, pero agora estou ilusionada preparando xa as festas do ano que vén. Despois desta semana ocorréronseme moitas cousas para melloralas.

Texto: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button