ConcellosÚltima hora

Este venres, 1 de decembro, arranca a Ruta das Tapas do Carballiño

Este ano baixan os prezos das tapas a 1,50 euros e aumentan os locais e os premios tanto directos como os sorteados
Presentación da ruta na Rúa do Paseo do Carballiño.

Este venres, 1 de decembro, comeza unha nova tempada da Ruta das Tapas no Carballiño, que este ano trae moitas novidades con respecto ás pasadas edicións. Así, aumenta o número e locais participantes, concederanse máis premios tanto directos como por sorteo, e redúcese o prezo dos pinchos a 1,50 euros. Ademais, ponse en marcha a APP “QuedamosdeTapas”, que se pode descargar para ver nos móbiles os pinchos que ofrece cada un dos mesóns, bares e restaurantes participantes. Este ano, a ruta está dedicada aos produtos do Nadal e repetirase o venres, 8 de decembro.

A iniciativa foi presentada hoxe, 29 de novembro, na rúa do Paseo. Nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Fumega; os concelleiros de Turismo, Cultura e Benestar, Manuel Dacal, Diego Fernández e Marina Ortega, respectivamente; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares; a representante da adega Pazo Tizón, Cristina Mouriño, e representantes dos dezaseis locais integrados.

Os locais ofertarán este venres, 1 de decembro, tapas ao prezo de 1,50 euros (50 céntimos menos que na pasada tempada). Os clientes poderán obter regalos directos como mochilas, chisqueiros, bolígrafos portamóbiles, cargadores de móbiles, paraugas, pinchos gratuítos noutros locais, e regalos por sorteo como servizos nos dous balnearios do Carballiño, entradas para os partidos de C.D. Arenteiro e 150 vales de compra nos establecementos do Centro Comercial Aberto por valor de 10 euros cada un. O número total de agasallos é de 2.000.

Salpicón de mariscos, crema de atún e marisco en follado, bacallau con viño branco do país, solombo recheo con puré e salsa agridoce, vieira ao forno con coliflor e fideua con zamburiñas, son algunhas das propostas destes locais para as primeiras xornadas desta nova tempada da Ruta das Tapas.

 

Artigos relacionados

Back to top button