En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A experiencia de dúas mozas emprendedoras, na clausura da asemblea do Barco CCA

Esta entidade, que preside Sandra Moldes, facía balance das actividades deste exercicio e aproba as contas

O edificio multiusos do Barco acollía na tarde do 26 de outubro a asemblea anual do Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Nela a súa presidente, Sandra Moldes, agradecía “a colaboración dos socios, dos membros da xunta directiva, así como das entidades promotoras (Concello do Barco e Dirección Xeral de Comercio) e facía balance da actividade desenvolvida por esta entidade valdeorresa ao cabo do ano, lembrando as súas diversas accións promocionais (campañas de Nadal, dos Namorados, “Actualiza o teu estilo”, Mercarberto…) así como a súa participación noutras iniciativas de carácter cultural como a celebración das Letras Galegas ou a festa dos Maios. Tamén se poñían enriba da mesa ideas de cara a mellorar as campañas xa existentes e aprobábanse as contas deste exercicio e o orzamento anual.

Xa no acto de clausura (ao que asistían o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Comercio, Irene Dacal, ademais da presidenta e da xerente de AEVA, Araceli Fernández e Luisa López, respectivamente) contábase coa presenza de dúas mozas emprendedoras que veñen de pór en marcha na vila dous proxectos relacionados co sector alimentario: Darlene Dobao da Pastelería “A Casiña” e Cristina Ares de “Churrería A General”. Nas súas intervencións explicaban as súas iniciativas e tipos de negocio. A presidenta do Barco CCA agradecía “a súa valentía, xa que souberon desafiar ao entorno económico actual e están traballando duro para sacar adiante os seus proxectos”.

A asemblea concluía cunha degustación, servida por Mantesil, na que se incluían algúns dos produtos elaborados por estas dúas empresarias, así como outras propostas gastronómicas e viños valdeorreses.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button