O Subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e a Directora Provincial do INSS, Tania Lamas, inauguraron hoxe, 11 de maio, as XII Xornadas Informativas Internacionais, nas que durante dous días, técnicos de países europeos asesorarán sobre materia de prensións a traballadores ou pensionistas.
Expertos da Seguridade Social española e dos organismos das pensións alemán (Deuthschen Rentenversicherung) e o suízo (Schweizerische Ausgleichskasse) organizarán conxuntamente, ao longo do 2017, quince xornadas informativas internacionais sobre Seguridade Social, trece delas en España, unha en Suíza e outra en Alemaña. O que pretenden con estas actividades é facilitar unha información gratuíta e personalizada, a traballadores ou pensionistas, residentes na provincia, que traballaron nestes dous países, ou en ambos os dous. Isto supón un medio para perfeccionar dereitos a futuras prestacións en aplicación da normativa europea de coordinación de materia de seguridade social.
Os tres eixos fundamentais que abordarán son os períodos de cotización acreditados neses países, requisitos esixidos para as futuras pensións (idade, anos de cotización, etc), e a contía da pensión de xubilación.
O asesoramento sobre a lexislación internacional dirixirase a aquelas persoas que solicitaron “cita previa” para acudir ás xornadas, con información especializada sobre futuros dereitos a pensión, o que permite a preparación de futuros expedientes a xestionar polos organismos internacionais.
Nas edicións anteriores, estas xornadas informativas desenvolvéronse cunha alta participación dos cidadáns, máis de 2.500 atencións presenciais personalizadas, e cun alto grao de satisfacción da información recibida.