EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Exposición fotográfica de Luis e Alejandro Paadín sobre lagares rupestres, en Madrid

Os autores son homenaxeados na Casa de Galicia polo seu labor a través da “Guía de Viños, Destilados y Bodegas de Galicia”

O catador e presidente da Asociación Galega de Sumillres Gallaecia, Luis Paadín, e o seu fillo Alejandro Paadín, tamén catador, presentaban na tarde do 5 de abril na Casa de Galicia en Madrid, unha exposición e un libro en torno aos lagares rupestres. A exposición de fotografías titulada “Viaxe polos lagares rupestres de Galicia. A pedras que facían viño”, estará aberta ao público ata o día 23 de abril. O libro do mesmo título do que son coautores pai e fillo contén, entre outras, as imaxes expostas, seleccionadas de entre os máis de setenta lagares rupestres catalogados.

Na presentación da exposición e o libro interviñeron Luis e Alejandro Paadín e, en nome do delegado da Xunta en Madrid, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a estes restos arqueolóxicos, como “a proba fehaciente da tradición milenaria da elaboración de viño en Galicia”. “Son, así mesmo, a documentación das xentes que habitaron eses territorios. Eles, a súa contorna e os seus topónimos, fálannos de como eran e vivían os nosos devanceiros”, apreciou, valorando que, ademais, constitúen “un referente da actividade económica, cultural e de ordenación xeopolítica”.

Segundo explicaron Luis e Alejandro Paadín, estes lagares rupestres son as bases das prensas escavadas no duro granito, o que permitiu que se conservaron durante tanto tempo a pesar da erosión e o uso, para o esmagado da uva ou outros froitos, como a oliva e a zarzamora, e demostran que Galicia ten unha tradición vitivinícola das máis antigas do mundo, un patrimonio esquecido que están a dar a coñecer, porque sen ben eles, e o equipo co que traballaron, non os crearon si os recuperaron e posto en valor. Están localizados, fundamentalmente, no sur da provincia de Ourense e áchanse situados próximos a castros ou vilas romanas e en zonas vitivinícolas actuais.

A presentación e inauguración da exposición enmárcase no acto organizado pola Casa de Galicia no que cobra especial protagonismo un recoñecemento internacional ao labor dos seus protagonistas que pon a Galicia nos primeiros postos mundiais da vitivinicultura a través da “Guía de Viños, Destilados y Bodegas de Galicia”.

 

Artigos relacionados

Back to top button