Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Expourense pecha Megaxove cun dato de 5.000 asistentes en dous días

Esta xornada de clausura contou cun torneo de xadrez e competicións de atletismo nas que participaron máis dun cento de rapaces de entre 6 e 16 anos

Logo de dous días de actividade, Megaxove pechou na tarde de hoxe, 6 de decembro, as portas da súa décimo oitava edición convertido no lugar elexido por ao redor de 5.000 visitas, segundo indican dende Expourense, que participaron activamente nas máis de 30 opcións que presentaban os expositores. Asociacións xuvenís, voluntariado e clubes deportivos aproveitaron a súa participación no Salón da Xuventude para dar a coñecer o labor que realizan durante todo o ano.

A última xornada do Salón estivo marcada pola celebración de dúas probas deportivas con gran tradición como o Torneo de Xadrez Megaxove, organizado polo Clube Xadrez Ourense, e no que participaron preto de 40 rapaces de entre 6 e 16 anos. Tamén de celebraron dúas minicompeticións de atletismo que contou coa participación de medio cento de rapaces das categorías, infantil, junio e cadete. A meirande parte deles pertencían ao Clube Atletismo Ourense, organizador desta proba, pero tamén participaron atletas de xeito independente. Exhibicións de kung-fudo Ximnasio Fitness Forma, circuito ciclista infantil de Maese Bike e as prácticas de roller derby a cargo do clube “As Lobas de Morgana” completaron a oferta deportiva desta xornada de clausura de Megaxove.

O salón da Xuventude ofreceu a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serviu tamén de andén de promoción e descubrimento de outras actividades vencelladas ao tempo libre, á cultura e ás disciplinas deportivas minoritarias. Nesta cita tivo cabida todo aquelo que animara á participación activa e á adopción de hábitos saudables. Cada rapaz e rapaza puido escoller libremente en qué quería invertir o seu tempo de lecer: dende xogos populares e tradicionais ata obradoiros de robótica ou impresión 3D ou gozar coa exhibición de drons.

Amencer o Rally Solidario e o Banco de Alimentos de Ourense aproveitaron esta cita para promover a recollida de produtos alimentarios, material escolar e xoguetes na “Operación Quilo MEGAXOVE” e destinalos ás familias que máis o precisan nestes momentos.

Aínda que Megaxove finaliza esta tarde ás 20.00 h., este sábado 9 de decembro, as instalacións de Expourense acollerán a celebración do VIII Campionato de Kickboxing Megaxove que organiza a Fundación Cipri Gomes e que reunirá a 150 deportistas de Galicia e Portugal pertencentes a máis de 20 clubes deportivos.

 

Artigos relacionados

Back to top button