EntrevistasÚltima hora

“Do que hai que falar é de criterios, de reparto de fondos provinciais e de xustiza distributiva”

O alcalde do Barco, Alfredo García, valora o pleno provincial no que se rexeitaba a moción da oposición que pedía un plan único no reparto de fondos e no que resultaba reprobado como presidente da Fegamp

 

O alcalde do Barco e presidente da Fegamp, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García, asegura que os concellos da provincia de Ourense van seguir demandando un “plan único” no reparto de fondos da Deputación. A pesar de que a moción que a oposición presentaba no pleno desta entidade resultaba rexeitada na sesión do 9 de agosto, iso non quedará aí. Nesta mesma sesión o PP presentaba unha emenda, que si saía adiante cos seus votos, e na que acordaba “continuar co cumprimento do Plan de mandato Ourense 15-19” e reprobar ao presidente da Fegamp.

– Como valora a emenda presentada polo grupo do PP na Deputación provincial?

Eu tildaríaa de kalkiana, por usar unha das palabras que se utilizaron no pleno. Iso é impedir que a oposición cumpra co seu labor. Unha cousa é que as emendas estean previstas, pero están previstas para acordos que proceda corrixir sobre a marcha. Se a oposición pide un pleno extraordinario para tratar un tema, o único que hai que facer é falar dese tema e o grupo de goberno o que ten que facer é votar a favor ou en contra, que é o lóxico, e aí é onde se acaba.

Penso que isto simplemente é non querer falar do que realmente importa, que é a financiación municipal, os criterios e como se fai. Aos veciños do Barco, por exemplo, o que lles ten que interesar é que o Concello recibe da Deputación con carácter ordinario ao ano entre 165.000 e 170.000 euros. En cambio, se se repartisen 20 millóns de euros con criterios obxectivos, como os que seguen as outras deputacións galegas, pois probablemente estaría entre 465.000 e 500.000 euros, é dicir, 300.000 euros máis todos os anos, que nunha lexislatura serían 1,2 millóns de euros. Disto é do que hai que falar e diso loxicamente non quere falar o presidente da Deputación. En todo o demais non vou a entrar, nin a facer ningunha valoración porque creo que se contesta só. Os cidadáns entenden perfectamente a proposta que facemos os alcaldes da provincia de Ourense, e polo tanto, pouco hai que dicir.

 

O rexedor barquense, no seu despacho./ Foto: Carlos G. Hervella.

– A emenda inclúe a súa reprobación, cando en ningún momento na moción presentada pola oposición se alude a vostede…

¿Como o xustifican? Arremetendo contra min, punto. En vez de falar de financiamento e dos criterios, pois criticamos ao alcalde do Barco ou ao presidente da Fegamp. Do que hai que falar é de criterios, de reparto de fondos e de xustiza distributiva entre todos os cidadáns da provincia, vivan onde vivan e estean gobernados por quen eles decidiron no seu momento que querían estar gobernados. Non hai máis.

– No pleno apuntábase que a demanda dun plan único non remata con esta moción, ¿vaise continuar con novas iniciativas?

Efectivamente, nós non imos parar neste intento, imos seguir convencendo á poboación de que este tipo de reparto non é o camiño, que o camiño é outro, é o que emprenderon o resto de deputacións de Galicia e que, polo tanto, Ourense non pode ser unha illa nese sentido.

 

Máis información:
https://osil.info/non-sae-adiante-mocion-pedia-plan-unico-no-reparto-de-fondos-da-deputacion-aos-concellos/

Artigos relacionados

Back to top button