ConcellosÚltima hora

Fegamp, Xunta e os bancos de alimentos garanten a alimentación dos menores sen recursos en verán

As tres administracións veñen de asinar un convenio que fará posible a entrega de paquetes alimenticios a familias con excasos recursos e con menores ao seu cargo
O convenio asinouse en Santiago.

A Consellería de Política Social, A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Federación Galega de Bancos de Alimentos (FEGABAN) renovaron o acordo a tres bandas que permite garantir que as familias en situación de vulnerabilidade e con menores ao seu cargo teñan cubertas as necesidades alimentarias durante os meses de verán. O conselleiro, José Manuel Rey Varela, o presidente da FEGAMP, Alfredo García Rodríguez, e o responsable da FEGABAN, José Pita Chento, asinaron hoxe, 28 de xuño, o novo convenio de colaboración nun acto que tivo lugar nas dependencias administrativas da Xunta de Galicia en San Caetano.

O novo convenio, permite “establecer un procedemento de actuación e coordinación entre as tres entidades asinantes para a entrega dos paquetes de alimentos a familias con escasos recursos e con menores ao seu coidado que non sexan beneficiarias de axudas coa mesma finalidade”, informaron dende a Consellería. Os servizos sociais dos concellos serán os encargados de determinar quen será beneficiario desta axuda, que ademais indicarán un lugar ou punto para que os bancos de alimentos fagan entrega do paquete de produtos ás familias que o solicitaron. O lote entregado a cada familia permitirá como mínimo, din dende a Xunta, unha comida diaria a todas as persoas da unidade familiar.

A Consellería de Política Social “comprométese a facilitar aos concellos toda a información que precisen para levar a cabo a selección das familias e a entrega dos alimentos, de contrastar a percepción doutras axudas ou prestacións coa mesma finalidade por parte das persoas integrantes das familias propostas para recibir a axuda e de remitir os datos á Federación Galega de Bancos de Alimentos”, aseguraron.

Así mesmo, a Fegamp promoverá entre os concellos que a integran o coñecemento deste acordo, procurando a colaboración dos mesmos na selección das familias e na organización dos lotes de alimentos. E, por último, a federación de bancos de alimentos distribuirán os paquetes de produtos a cada concello, en función da súa petición.

Artigos relacionados

Back to top button