EconomíaEconomíaÚltima hora

Feira dos Santos en Chaves, do 29 de outubro ao 1 de novembro

Cada ano congrega a máis de 500 expositores e a 100.000 visitantes nesta cidade portuguesa
Presentación dos actos da Feira dos Santos en Chaves (Portugal).
Presentación dos actos da Feira dos Santos en Chaves (Portugal).

Está considerada como un dos grandes eventos do Norte de Portugal. Non en van acostuma xuntar máis de 500 expositores e atrae a uns 100.000 visitantes. Chaves ultima os preparativos da tradicional Feira dos Santos, “o grande acontecemento de Trás-os-Montes e Alto Douro, no plano socioeconómico e cultural e ex-libris festivo da cidade flaviense e de toda a rexión Transmontana”, tal e como se resalta dende a organización.

A cita desenvolverase ao longo de catro días (do 29 de outubro ao 1 de novembro) polas principais rúas de Chaves nunha estensión de preto de tres quilómetros, con todo o tipo de produtos: vestiario, calzado, artesanía nacional e internacional, antigüidades, coitelerías, enchidos, queixos ou produtos agrícolas, entre outros moitos.

Outro dos seus referentes será o Concurso Nacional Pecuário das raças Barrosã, Maronesa e Mirandesa, que acada a súa 14ª edición e o Concurso Concelhio de Suínos de Raça Bísara, que se fai por terceiro ano. Será asemade a primeira ocasión na que se celebre o Concurso Concelhio de Ovinos de Raça Churra Galega Bragançana.

O programa incluirá multitude de actividades complementarias para todas as idades como actuacións musicais e de danza tradicional, chegas de bois, coloquios, degustacións de viños, concertos, etc. E por décimo ano consecutivo farase “O Comércio sai à Rua”, unha iniciativa promovida para dinamizar o comercio local. Esta nova feira/festa de Chaves será organizada pola Associação Empresarial do Alto Tâmega (ACISAT) e polo Município de Chaves.

Ao mesmo tempo os días 29, 30 e 31 de outubro e 1 de novembro terá lugar a segunda edición de “Sabores de Chaves – Pavilhão do Vinho”, un espazo onde os visitantes poderán descubrir os sabores de Chaves e os recoñecidos viños desta zona portuguesa. Este evento será promovido polo Município de Chaves, en colaboración con a EHATB (Empreendimento Hidroelétricos do Alto Tâmega e Barroso, EIM, SA.) e terá lugar no Pavilhão da Expoflávia (xunto á PSP).

Artigos relacionados

Back to top button