EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Feira do Viño do Ribeiro presenta o cartel da súa 54ª edición

É obra da profesional arxentina Agustina Jouandon e vén de ser seleccionado entre as 188 propostas presentadas ao concurso
Membros do xurado do concurso de carteis da Feira do Viño do Ribeiro, co cartel seleccionado para esta 54 edición.

O xurado do Concurso de Carteis da 54ª Feira do Viño do Ribeiro reuníase na tarde 9 de marzo, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, co obxectivo de escoller o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2017, que terá lugar na vila ribadaviense do 29 de abril ao 1 de maio.

Entre as 188 propostas presentadas ao certame resultaba ganadora a da profesional Agustina Jouandon, orixinaria de Arxentina e actualmente afincada en Santiago de Compostela. É deseñadora gráfica e ilustradora con máis de 7 anos de experiencia.

Para a elección desta imaxe promocional, o Concurso de Carteis da 54ª Feira do Viño do Ribeiro contaba cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das preto de 200 obras participantes foron sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.500€.

O xurado estaba formado polas seguintes persoas: a xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá; a concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia, María Touza; o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense, Francisco González Bouzán; o profesor no grao de Publicidade e Relacións Públicas da Uvigo, Xosé Rúas; o creativo de La10@planta e coordinador da OurenseIccWeek, Manuel Araújo; o director creativo da axencia Incubarte Creatividad Multicanal, Jaime Díaz; a xornalista de Faro de Vigo, Adela Ferradás; o fotógrafo de La Voz de Galicia, Santi M. Amil; e o xefe de publicidade de La Región, Moncho Novoa.

Artigos relacionados

Back to top button