ConcellosÚltima hora

A Festa do Pulpo do Carballiño, protagonista na “Pulpo Pasión Madrid”

O prato ten 2,20 metros de diámetro e cubrirase con 110 kg de pulpo.

A LV Festa do Pulpo do Carballiño será protagonista no salón gastronómico “Pulpo Pasión Madrid”, que se presenta mañá, 28 de abril, no espazo gastronómico gourmet Planeta Madrid.

Na xornada inaugural, prevista para a tarde deste venres, elaborarase a Tapa de Pulpo máis grande de Madrid. O prato no que se preparará esta tapa foi cedido polo Concello do Carballiño como promoción da Festa do Pulpo, atendendo a unha invitación da organización deste evento, que se desenvolverá o 15 de maio, e no que participan corenta restaurantes da capital de España. O prato ten 2,20 metros de diámetro e cubrirase con 110 quilogramos de pulpo.

Dase a circunstancia de que este prato, que está serigrafiado cos lemas e convocatoria da Festa do Pulpo do Carballiño, foi o primeor que se utilizou na vila para elaborar a Tapa de Pulpo Máis Grande do Mundo. Na Festa do Pulpo do pasado ano, o prato no que se eleborou esta tapa tiña 5,37 metros de diámetro, máis do dobre deste que se utilizará en Madrid.

Neste acto inaugural intervirá o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, para promocionar a LV Festa do Pulpo e destacar o papel do Carballiño e das súas pulpeiras e pulpeiros como unha referencia mundial na elaboración do “pulpo á feira”.

O salón Pulpo Pasión Madrid celebra a súa segunda edición, promovendo a gastronomía galega na capital de España.

O espazo gastronómico gourmet Platea Madrid ubícase no lugar que ocupaba antigamente o cine Carlos III, na rúa Goia (Praza de Colón), no corazón da capital de España. É un dos maiores espazos gastronómicos de Europa. Ocupa uns 6.000 metros cadrados e da cabida a unha vintena de establecementos especializados en gastronomía nacional e internacional.

Artigos relacionados

Back to top button