Galerías de fotosOurenseÚltima hora

As actividades infantís e os concertos abarrotan o casco histórico nas Festas de Ourense

Os festexos continúan mañá coa feira histórica no centro da cidade, teatro na rúa e os concertos de Duncan Dhu e The Teta’sVan, entre outros

O bo tempo está a animar a participación dos veciños nas Festas de Ourense. Arrincaban o pasado sábado cun espectáculo piromusical e, dende entón, a música está a engalanar as rúas, intensificando o ambiente festivo. Así, as actividades infantís e os concertos levan abarrotando estes días o casco histórico da cidade, que se encherá aínda máis cara a fin de semana, co prato forte da programación. Onte foi a quenda de Fórmula V e esta noite actuarán M Carballo e Ariel Rot na Praza Maior a partires das 22:30h.

Na xornada do xoves, Duncan Dhu será a estrela indiscutible da noite ourensá. Ofrecerá o primeiro dos concertos de pago que o Concello de Ourense ten programado para as festas destes días no Xardín do Posío. A apertura de portas está fixada para as 21h e as entradas poderán adquirirse na billeteira a un custe de sete euros con dúas horas de antelación. Pero a música non só se concentrará neste punto. A partires das 22:30h tamén a Praza Maior acollerá un concerto de The Tetas’ Van, e a continuación, tomará o relevo a artista Sés para presentar o seu terceiro traballo disográfico.

Durante o día, a música de charangas e gaiteiros animará aos veciños polas rúas da cidade. Tamén haberá actividades para bebés en horario de 11 a 13 e de 18:30 a 20:30 horas, a cargo de Apicirc de Pessic de Circ (Cataluña). Será na alameda de Bispo Cesáreo. Así mesmo, ás 12 e ás 20 horas haberá teatro no mesmo emprazamento: Cigani&Cia tocarán, bailarán, cantarán e farán malabares para amenizar a xornada.

E na Praza de San Martiño, arredor das 20h haberá un concerto funk a cargo do grupo Transilvanians, para interpretar pezas mesturando estilos como o R&B, horror-reggae ou groovy soul. Tamén en clave musical, ás 21h estarán tocando Spiders from Mars, un grupo formado por músicos da cidade que renderán tributo a David Bowie, na Praza do Ferro. O ritmo festivo prolongarase até o vindeiro domingo 3.

Fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button