ConcellosÚltima hora

O Festival “Holi Pulpo” encherá de cor as rúas do Carballiño

O evento celebrarase o sábado, 29 de xullo, e está previsto que acodan máis de mil participantes
Uriel Bernardez e Diego Fernández.

O Festival Holi Pulpo reunirá no Carballiño a máis de mil persoas procedentes dos máis diversos lugares de Galicia e incluso de Portugal. O evento, que se celebrará o sábado 29 de xullo, foi presentado hoxe, 19 de xullo, polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o promotor de iniciativas culturais e deportivas Uriel Bernardez.

Diego Fernández destacou a novidade deste festival que traerá ao Carballiño “a moita xuventude e incluso a público familiar que quere participar nesta experiencia de ocio”.

Ao respecto, Uriel Bernardez asegurou que xa se venderon “centos de entradas e que se percibía un gran interese non só dende o Carballiño e a contorna, senón dende todas as provincias galegas e incluso de Portugal”. Así, dixo que esperaban superar “o millar de persoas” nesta festa, que ten a súa orixe na India, na celebración da primavera con pintura en polvo de cores, elaborada con fariña de arroz. “Son uns polvos absolutamente ecolóxicos que non causan o menor dano medioambiental”, informou.

A festa do Holi Pulpo comezará ás 17:30 horas, na Praza Maior, para facer un percorrido pola rotonda da Alameda, Praza de Abastos e Parque Municipal. Na pista do kiosco, ás 18:30 horas, comezará un festival musical no que actuarán os DJ De Melo, The Prieto Brothers, Big Browsers e Paula Docampo. O remate será sobre as 22:00 horas.

O prezo da entrada é de 10 euros, e con ela entregarase unha mochila, unha camiseta, unha botella de auga, unha pulseira e unha bolsa con 100 gramos de pintura en polvo Holi. As entradas poden adquirirse en diversos locais do Carballiño como o Apathotel Arenteiro, a cafetería Loft 27, a cafetería das Piscinas e en Ourense e vilas da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button