ConcellosÚltima hora

Fillos do Estramonio pecharán a Noite Meiga 2016 de Ribadavia

A festa celebrarase na tarde e noite do 29 de outubro da man da Asociación Ribadavia Activa-T
O grupo Fillos do Estramonio actuará en Ribadavia.
O grupo Fillos do Estramonio actuará en Ribadavia.

Coa representación de “A bruxa riquiña e a súa avoíña”, un espectáculo con monicreques do que é a Noite Meiga e do que pode suceder esa noite, arrancará unha nova edición da celebración máis máxica e terrorífica do ano en Ribadavia.

Como a gran novidade desta XVI edición da Noite Meiga, a obra levarase a cabo os días 24 e 28 de outubro no colexio Tomás de Lemos para os alumnos de Infantil e 1º ciclo de Primaria, e xa o día 29, man da Asociación Ribadavia Activa-T, dende as cinco da tarde e ata a madrugada, desenvolveranse as diferentes actividades.

O programa arrancará coa apertura do Mercadiño Meigo de Artesanía na praza Maior e Madalena, o Baile de Feiticeiros para nenos e o Photocall Meigo no Club Artístico. En torno ás oito da tarde comezará o desfile animado pola Dama de Lume, a Santa Compaña, os Tabaleiros da Istoria e o grupo de percusión Xitume Batuque que de seguido actuará en diferentes puntos da localidade. Ás 21 horas, haberá Aquelarre das Meigas na praza Maior. Tamén haberá cócteles e Cadeliños Quentes no posto oficial da Asociación.

 

Tríptico da Noite Meiga 2016 de Riabadavia.
Tríptico da Noite Meiga 2016 de Riabadavia.

E xa a partires das dez da noite comezará o apartado para o público máis adulto en diferentes puntos da vila: Pasaxe do Terror no Castelo a cargo de Trócola Teatro e voluntarios; espectáculo de lume e malabares a cargo de Rita Miguel; a actuación do Mago Rafa na Madalena; aquelarres; performances As Lajartas; flashmob, entrega de premios; espectáculo do conxuro da queimada; e unha nova actuación de Xituma Batuque. A noite rematará, xa de madrugada co concerto de Fillos do Estramonio, grupo liderado por Pepe Capelán, no Club Artístico.

A Noite Meiga de Ribadavia completarase con exposicións (unha retrospectiva da celebración da Noite Meiga, de cartaces e de cabazas) e os concursos de ambientación local de hostalaría e de cabazas.

Artigos relacionados

Back to top button