CulturaCulturaÚltima hora

O filme ourensán “Pelerinaxes”, na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

Na 39ª edición deste certame lucense, que se celebrará do 18 ao 23 de setembro, tamén se proxectarán outras obras da provincia como “Sisifo Confuso”, “Cesteando” e “Share o no Share”
Fotograma de “Pelerinaxes”, filme do director italo-galego Simone Saibene./ Foto: Noveolas Producciones.

O cinema con selo ourensán terá un espazo de seu dentro da 39ª Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que se desenvolverá na cidade da muralla do 18 ao 23 de setembro. Entre os traballos seleccionados nesta edición figura a longametraxe “Pelerinaxes’ do director italo-galego Simone Saibene.

Este filme, que se move entre a ficción e o documental, recrea o percorrido que hai 90 anos, no 1927, fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña.

“Pelerinaxes”, que xa foi seleccionada en distintos festivais internacionais, gañou en xullo deste ano o Primerio Premio na Sección Documental do 21º Festival Internacional de Cine de Avanca (Portugal). En Lugo proxectarase do vindeiro luns, ás 18 horas, no Pazo Provincial.

Outras cintas ourensás que forman parte do programa da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo son “Sisifo Confuso” de Aser Álvarez, “Cesteando” de Plácido Romero e a curtametraxe “Share o no Share” de Juan Hervella. Neste certame proxectaranse 93 películas seleccionadas das máis 1.500 cintas que se presentaron.

Artigos relacionados

Back to top button